O Concello de Verín organiza dous obradoiros temáticos.
Un ano máis, Verín súmase á celebración da Primavera de Portas Abertas do Viño Monterrei, que terá lugar durante a fin de semana do 1 e 2 de xuño. As actividades enoturísticas, no entanto, comezarán xa o venres 31 de maio, prolongándose ata o domingo 2 de xuño, brindando aos visitantes unha ampla oferta de experiencias vinculadas ao mundo do viño.
No marco desta iniciativa Verín programará dous obradoiros organizados pola Oficina de Turismo de Verín:
– Obradoiro de Mel: Terá lugar o sábado 1 de xuño ás 11:00 horas. Esta actividade consistirá nunha cata-degustación multisensorial de mel, guiada por un produtor local. Os participantes poderán descubrir as peculiaridades do selecto produto producido na zona e explorar as súas propiedades e usos.
– Obradoiro Floral: Celebrarase o mesmo día, sábado 1 de xuño, ás 16:30 horas. Neste taller os asistentes aprenderan a realizar arranxos florais, como centros de mesa utilizando vides ou outros elementos naturais. Non se require experiencia previa, só creatividade e ganas de pasar un bo intre.
Para facilitar o acceso ao territorio da Denominación de Orixe Monterrei, a organización disporá dun ‘Bus do Viño’ con saídas dende as principais cidades galegas: Ourense, Lugo, Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela. Esta iniciativa busca fomentar o turismo responsable e facilitar a participación de visitantes de toda Galicia.
A Primavera de Portas Abertas do Viño Monterrei é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coas Rutas dos Viños de Galicia. Na comarca de Monterrei, adegas, restaurantes e aloxamentos unirán esforzos para ofrecer unha experiencia única aos enoturistas, combinando a excelencia vitivinícola coa riqueza cultural e paisaxística da rexión.
« A nosa comarca posúe unha riqueza vitivinícola e cultural única que merece ser descuberta. A Primavera de Portas Abertas do Viño Monterrei é a ocasión perfecta para que veciñas e visitantes disfruten do potencial turístico da nosa contorna. Invitamos a todos a achegarse a Verín e gozar das nosas actividades, que sen dúbida lles ofrecerán unha experiencia inesquecible», salientou Samanta Barreira, concelleira de Turismo, Cultura, Festexos e Conservatorio de Verín.
Para máis información sobre estas actividades e inscrición, os interesados poden contactar coa Oficina de Turismo de Verín a través do teléfono 988 411 614 ou do correo electrónico turismo@verin.gal.
A programación completa de actividades pode consultarse na seguinte ligazón: Ruta do Viño Monterrei.