Trátase dunha selección de fotografías de animais en perigo de extinción.
A Obra Social de Abanca, xunto co Concello de Ourense, presentan na rúa Curros Enríquez «Emocións en perigo», unha exposición que reúne 34 retratos de animais en perigo de extinción do fotógrafo Tim Flach. Tras o seu éxito nos seus anteriores emprazamentos ―40 000 persoas en Vigo, Pontevedra, A Coruña e Santiago de Compostela―, o proxecto «Emocións en perigo» chega agora a Ourense, cunha nova proposta máis aberta ao ser unha mostra de rúa situada en Curros Enríquez (fronte á Subdelegación do Goberno), que a acollerá ata o 30 de xuño.
A través dunha selección de 34 retratos de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes os viramos, Flach asegura que con este proxecto trata de «conectar as persoas coa natureza», fomentando a empatía cos retratados.
En risco de extinción
A exposición «Emocións en perigo» reúne imaxes do proxecto de Flach Ameazados, que levou ao fotógrafo a retratar especies en extinción en todo o mundo. Na mostra, incorpórase información específica da situación e os perigos que ameazan cada unha das especies retratadas. Cada retrato está acompañado por unha ficha que sinala o nivel de risco de extinción no que se atopa esa especie.