Entrevista a Valentín Barreiros Bermejo, autor de «Os trasnos da lanterna».
De sobras é coñecida a paixón que Valentín Barreiros ten sobre o cinema e, sobre todo, do cinema galego. Súa é a obra «Ourense e o cinema», ademais de ter colaborado como coordinador das Xornadas de Formación e Audiovisual e dos encontros Conversas Ou en distintas edicións do Festival de Cine de Ourense. Tamén é autor dos libros de divulgación cinematográfica «Auria de cine» e «Cousas do cinema en Ourense», e incluso atreveuse a dirixir varias curtametraxes. Agora falamos con el para descubrir a súa última obra «Os trasnos da lanterna».
Falanos de «Os trasnos da lanterna».
Valentín Barreiros: «Os trasnos da lanterna supón unha volta aos escenarios polos que transitaba o meu anterior libro, Ourense e o cinema. Nesta ocasión sitúo en primeiro plano o valioso labor desenvolvido polo movemento cineclubista ourensán ao longo da súa historia. O libro tamén fai un percorrido polos cineclubs que houbo nas diferentes vilas e na capital dende os anos cincuenta até a actualidade».
E cal foi ese valioso labor?
V.B.: “Os cineclubs serviron para que chegaran á gran pantalla películas de moito prestixio pero que non programaban ás pantallas comerciais. Do mesmo xeito, foron lugares de reunión, debate e reflexión sobre cinema, cultura, política e sociedade”.
Como xurdiu a idea de facer este libro?
V.B.: “Comecei a escribir sobre cinema en Ourense porque cando quería ler algo específico sobre o tema era moi escaso. Ben é certo que si existían libros sobre cinema en Galicia e aspectos de Ourense dentro deses libros pero non libros que tratasen en exclusiva sobre o audiovisual ourensán. Con este libro, ao igual que cos anteriores, trato de cubrir ese baleiro”.
Xa desde os anos cincuenta había cineclubes en Ourense?
V.B.: «O primeiro cineclub que se creou na cidade foi o Cine Club Orense nos anos cincuenta. Posteriormente xurdirían outros como o Miño, nos sesenta, e o Padre Feijoo nos setenta, que se mantén até a actualidade. En canto ao resto da provincia, que chegou a contar con arredor de 35 cineclubs, temos algúns moi destacados e que aínda están en pleno funcionamento, como son o Carballiño e o Groucho Marx, do Barco de Valdeorras».
E un deles, o Padre Feijoo, cincuenta anos con gran actividade.
V.B.: «Na cidade, como dixen anteriormente, está o Cineclube Padre Feijoo que xa fixo cincuenta anos de funcionamento de xeito case ininterrompido. Esta entidade, ademais de manter unha programación moi ben escollida e variada, realiza outras actividades como cursos, xornadas e incluso a edición deste libro, polo cal lle estou moi agradecido ás súas persoas responsables».
De onde vén a importancia de Ourense no cinema galego?
V.B.: «Se podemos considerar que Ourense posúe unha importancia capital para o cinema en Galicia é porque albergou os dous principais foros nos que se asentaron os alicerces do noso audiovisual: as Xornadas do Cine en Ourense, nos anos setenta, e as Xociviga no Carballiño, nos anos oitenta. Para poderen agromar estes certames foi decisiva a intensa actividade do cineclubismo da nosa cidade e provincia».
Dous libros adicados ao cinema en Ourense. Quédache algo por escribir sobre o tema?
V.B.: «Despois de facer un percorrido polo cinema en Ourense, no meu primeiro libro, e un repaso polo movemento cineclubista, no segundo, penso que o que me queda é desenvolver a historia sobre a exhibición cinematográfica na nosa provincia para completar o traballo».
Como se pode adquirir un exemplar?
V.B.: “Os libros pódense comprar tanto nas instalacións do Cineclube Padre Feijoo como nas diferentes librerías da cidade.
Valentín Barreiros Bermejo (Ourense, 1976) foi colaborador dos nosos medios de comunicación mundourense.com (agora periodicobarrios.com) e de Ourense por Barrios (Barrios). Actualmente poodemos ler os seus artigos na Revista INviable (revistainviable.gal).