A celebración da xuntanza será este sábado 8 de xuño.
A praza Maior de Xinzo vestirase de gala este 8 de xuño, de 20:00 a 22:00 horas, para acoller a primeira edición das “Vestalias”, un evento de recreación histórica organizado pola A.C. Civitas Limicorum en colaboración co concello. Esta xornada revivirá o espírito da antiga Roma mergullando aos asistentes nunha atmósfera única de historia e tradición.
As Vestalias eran unha festa adicada a Vesta, a deusa do fogar, cuxo culto estaba centrado na conservación do lume sagrado. Este festival honraba ás Virxes Vestais, encargadas de manter este lume e desempeñar rituais que aseguraban a protección e a continuidade da cidade.
Programa
A xuntanza comezará ás 20:00 horas cun desfile de escolta romana das Vestais, seguido ás 20:15 por interpretacións da Banda Achicoria con marchas romanas. Ás 20:30, celebrarase o acto central denominado “Vestalias”, no que participarán as Vestais da Civitas Limicorum e as chegadas de Asturica Augusta. A continuación, ás 20:45, terá lugar unha cerimonia de iniciación para unha nova vestal, destacando o compromiso continuo coa tradición e a cultura.
Un dos momentos máis esperados será ás 21:00, co espectáculo “Magna Vestae”, que mesturará impresionantes exhibicións de lume e acrobacias. O evento pecharase ás 21:45 cun segundo desfile de tropas romanas.