Presentará a súa curta “Nena”, así como o seu monólogo “Aquí Tou!”.
O FIC Vía Verín XIV deste ano contará cunha das figuras máis relevantes do audiovisual galego, e o fará por partida dobre. Xosé A. Touriñán presentará a súa curta documental “Nena”, así como o seu monólogo “Aquí Tou!”. Será o sábado, 31 de agosto, cando a vila acolla as dúas propostas do humorista. As entradas para o monólogo xa están dispoñibles en ataquilla.com e, para a curta, poderán adquirirse antes do seu comezo nas canles habituais de reservas do festival. Ambos espectáculos terán lugar no Auditorio Municipal de Verín.
Propostas
“Nena” é a estrea como guionista e codirector de Touriñán. Un filme no que o artista nos mostra o seu lado máis polifacético. Recoñecido polos seus traballos como humorista, Touriñán sitúanos con este filme na pel dunha nena de 12 anos que, trala morte da súa nai, ten que cargar co peso familiar do pai, o tío e o avó. Unha historia que nos deixa á intemperie. Unha realidade que reflexiona sobre a carga e o rol que ten que asumir a protagonista ante a incapacidad do seu redor.
Ese mesmo día, ás 22.15 h., Touriñán volve subirse aos escenarios do FIC, nesa ocasión a través do monólogo “Aquí Tou!” achegaranos, con humor, os fitos máis importantes da súa vida. Un percorrido íntimo e divertido polas súas casuísticas vitais. Neste monólogo, Touriñán, ao tempo que se analiza a el, retrátanos a todas.
Novidades
Este ano, as curtametraxes que se proxectarán entre o 28 de agosto e o 7 de setembro explorarán os límites das nosas fronteiras mentais que, dende a organización, vinculan a “un territorio cuxa idiosincrasia está claramente marcada polos lindes, por ser unha vila fronteiriza”. De aí a nova imaxe gráfica do festival, realizada por Patricia Portela, de The Office Comunicacion, e que leva ao visual o concepto dos límites da percepción humana. “Quería atopar unha imaxe central que nos levara á intriga, a ver que o suxeito realmente non ten saída”. Patricia explica que, ao combinalo cunha tipografía de trazo, “pretendía achegarnos á sensación dunha mente que non está ordenada. E a frase final lévanos a Matrix: pílula azul ou vermella? Queres vivir durmida ou prefires espertar?”.
Ademais, coa intención de involucrar no festival a mocidade da vila, o FIC Vía XIV contará nesta novena edición cun «xurado novo» do que pode formar parte calquera persoa menor de 30 anos con interese no audiovisual, mais que non se adique ao sector de forma profesional, e que teña vinculación coa comarca. As inscripcións deberán realizarse en da web ficviaxiv.com, onde tamén se atopan todas as bases de participación; elexiranse a cinco persoas para conformar ese xurado.
Nova Era
Por outra banda, o FIC estrea o documental “oriXes: Dez anos de Nova Era, da banda de gaitas verinesa.