As actividades desenvolveranse en 9 colexios, a aula de natureza e o Espazo Makers do campus.
A Concellería de Educación do Concello de Ourense iniciou o primeiro de xullo o programa de actividades “Concilia Verán 2024”. O seu obxectivo é ofertar actividades lúdico-educativas para a rapazada durante as vacacións de verán, ao tempo que facilitar a conciliación das familias ourensás. A concelleira de Educación, Tamara Silva visitou os espazos nos que se desenvolve esta actividade, que contará con un total de 1.970 participantes. Son 9 centros educativos, a Aula municipal de Natureza do río Miño e, como novidade este ano, o Espazo Makers, no Campus norte – Facultade de Informática.
Tamara Silva visitou este Espazo Makers, onde 25 escolares de 1º, 2º e 3º de Educación Secundaria realizan actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, co lema “Un verán na nube”. A continuación, visitou o colexio Mestre Vide e o CEIP Prácticas, onde outros grupos de escolares participan no programa municipal
As actividades que organiza o Concello están orientadas a fomentar hábitos de vida saudables, actitudes solidarias e de convivencia e respecto polo medio ambiente. Nos colexios, as propostas están dirixidas a alumnado de Infantil e Primaria, na Aula de Oira a nenas e nenos de Primaria, e no Espazo Makers hai senllas quincenas para Primaria e Secundaria.
O horario é de luns a venres de 8 a 14.30 horas en xullo e agosto (agás festivos) en todos os colexios (os CEIP O Couto-Rampla de Sas, Manuel Luis Acuña, Vistafermosa, Irmáns Villar, Amadeo Barroso, Covadonga – As Eiroás, Prácticas, As Mercedes e Mestre Vide). A Aula de Natureza do río Miño, en Oira, acolle tamén actividades, para o alumnado de Primaria, neste caso desde a derradeira semana de xuño até a primeira semana de setembro, ininterrompidamente.
Espazo coeduca no CIMM
Tamén comezaron as actividades de conciliación de verán “Espazo coeduca”, que organiza a Concellería de Igualdade do Concello de Ourense nas novas instalacións do Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM), na rúa Vasco da Ponte, número 1, baixo.
As actividades converterán o Espazo Coeduca nunha “axencia de detectives para investigar sobre a igualdade e a historia da humanidade” e convidarán as nenas e os nenos “a descubrir máis sobre estereotipos e roles sexistas e como crean desigualdades entre homes e mulleres. Daremos un paseo pola historia, concretamente pola Prehistoria, onde resolveremos enigmas para coñecer novos datos. A través de xogos, probas e xincanas, aprenderemos de forma divertida a relacionarnos sen discriminación nin desigualdade”, explican desde a organización.
As actividades desenvolveranse de luns a venres durante os meses de xullo e agosto, de 9.00 a 14.00 horas. Están organizadas pola Concellería de Igualdade, e subvencionadas polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Son desenvolvidas por Cavas Galicia.