Manuel “Patolas”, un salto ao ceo

Desde a Ponte a… Monterrei!

Querido Manuel, agora que o tempo acougou o meu sentimento, escribo estas letras para ti. Teus amigos, sabíamos daquel rapaz amable, de sorriso pícaro e mirada profunda, aquel mozo cheo de vida, de porte elegante e altivo, mais cunha sobredose de humildade tan grande, que te facía admirable e querido. Hoxe, quixera lembrar aquí, ao meu dianteiro centro preferido. Aquel rapaz, que nos fixo felices cos seus goles, naquela época de cando fomos nenos. O Arjiz, era o noso fortín. No campo da rá, como dicía o Pepe “Obrero”, entre a sinfonía das rás co seu croar, e o Castelo de Monterrei vixiante sempre, os adestramentos eran clases maxistrais, daqueles mestres da vida, que nos xuntaban por unhas horas para desfrutar e aprender. José Luis, Caneda, Eloy, Zurria, Uteda, Zapa, Arcángel, entre outros que deixaron aquí a súa pegada. Con algún deles topeime anos despois pola rúas da capital, e na conversa, lembrábante sempre con estima e agarimo.

O gran Arcángel, aquel arxentino que nos levou a gloria da Terceira división por primeira vez, dixo de ti, que rematabas de cabeza coma os anxos, pero o disparo de zurda en movemento era descomunal. Non me sorprendeu o mestre coas súas verbas, porque antes, xa probara eu esa menciña nas miñas mans inexpertas, cando aínda non era xuvenil. Querido amigo, sempre fuches achegado e cariñoso cos que empezamos naquel tempo cheos de inseguridade. Facíaste querer dentro e fóra do campo. Fuches, e serás un referente para os rapaces que sen fallo, os domingos íamos o estadio a ollar aos nosos ídolos.

A verdade, e que erades únicos, dándoo todo con garra e corazón. O escudo do Verín quedábase pequeno no teu peito de león, pero facíalo medrar en cada xogada, en cada remate, en cada gol. Ai, Manuel!, canto me lembro dos folgos que nos dabas aos que aínda non sairamos do cascarón. Verbas pausadas e agarimosas de compañeiro leal e cércano, que nos daban a tranquilidade naquel labirinto de nervios e inocencia.

Lembro unha tarde de inverno no Arjiz. O terreo de xogo estaba en pésimas condicións. O barro chegaba aos nocellos, e xogar era case que imposible. Aquel día gris, coas bancadas ateigadas de xente, non o esquecerei xamais. Todos coa angustia contida, porque o gol non chegaba e o partido esfumababase sen remedio. As miradas cravadas no nove, aquel numero nove con estampa de tosco e langrán que moitas veces nos sacou do apuro. Coma un lóstrego, chegou un centro polo estremo, que Reixac sacou con mestría. O balón voou polo área inalcanzable. Todo quedou paralizado por un intre. Dende atrás, con forza inhumana, apareceu a cachola de Patolas para rematar aquel balón imposible e incrustalo na rede daquel equipo de Pontevedra que resistiu ata o final. Outra vez, o mago brincou ata o ceo, para enchernos de ledicia, e limparnos dunha tacada aquela angustia tan amarga. Eras alegre e divertido, artífice sempre da xolda no autobús cando regresabamos cara Verín coa vitoria no peto. Entroideiro de verdade, amante da festa máis grande, sempre coa túa particular maneira de vivilo, en solitario, pero con sentimento e amizade.

E cumpriu o prometido, a pesares das limitacións que a saudade lle impuxo, aquel día, achegouse a ver ao seu equipo; era un día de sol, coma el quería que fose, e preto do túnel dos vestiarios achegouse a min, e pausado, espetoume, “hai que gañar a liga e a copa, desta maneira serás coma min”. Despois, liscou paseniño cun sorriso cómplice que me chegou ao máis fondo da alma. Recollín o recado e pensativo no banco do vestiario, pensei naquel tempo cando Patolas foi campión de liga e copa anos atrás. Despois dun anaco pensando, dinme conta, que non será doado superar o amor por un club como Manuel tiña polo Verín CF. Se chegamos a igualalo, xa faríamos dabondo. Querido amigo neste derradeiro salto que lle das á vida, sen dúbida cairas no ceo, ese ceo onde te esperan eles, os da camisola vermella e o pantalón azul. Xúntaos de novo, e como fixemos sempre, nun corro todos xuntos, berrade con mais forza que nunca “un, dous, tres, Verín!”.
Manuel, deixas un gran baleiro nos que te queríamos, familia e amigos. Non te esqueceremos, porque a túa maneira de actuar e de ser, quedará gravada para sempre nos nosos corazóns.

Ata sempre amigo, e DEP.

Miguel A. Prieto Sotelo “Chitín”