Aberta a convocatoria para participar como Cigarrón no desfile anual en Santiago de Compostela

Os interesados deberán inscribirse de forma presencial na Oficina Municipal de Información Turística de Verín ata o 31 de xullo.

Aberto o período de inscrición para todos aqueles veciños maiores de idade que desexen participar no emblemático Desfile de Entroidos tradicionais de Galicia, que se realizará o próximo sábado 7 de setembro en Santiago de Compostela. O prazo de inscrición estará aberto ata o mércores 31 de xullo.

Este evento organizado por Turismo de Galicia en colaboración con diferentes institucións e asociacións, celébrase cada ano como forma de escaparate do Entroido tanto a nivel nacional e internacional, promovendo e difundindo os valores deste dentro da nosa comunidade autónoma.

As prazas están dispoñibles ata completar xunto cos membros da Banda de Gaitas do Concello de Verín un máximo de 40 persoas, darase prioridade ás persoas que teñan traxe de Cigarrón, pero tamén existe a posibilidade de levar vestido o capuchón ou disfrace. O transporte ata a capital galega e a comida estarán financiados para todos os participantes por Turismo de Galicia.

Para inscribirse, os interesados deberán acudir de maneira presencial á Oficina Municipal de Información Turística de Verín, no seu horario de atención, de 09:30 a 14:00 horas pola mañá, e de 17:00 a 19:00 horas pola tarde, de luns a venres. É imprescindible para completar a inscrición que os aspirantes aporten os seus datos persoais, incluíndo nome e apelidos, idade e DNI, así como que cedan os seus dereitos fotográficos asinando un documento que o acredite.

Programa desfile
10:15 Os participantes de cada grupo chegarán en autobús á Dársena de Xoán XXIII, agás o grupo Xenerais da Ulla que o farán en vehículos especiais para o desprazamento de cabalos. Cada grupo será recibido por un profesional de Turismo de Galicia.
Posteriormente dirixiranse a pé á Hospedería de San Martín Pinario. Nesta ocasión haberá varias salas distribuídas en diferentes andares e en cada unha delas aparecerán rotulados os nomes dos grupos. Disporanse bancadas para que os participantes poidan mudar de roupa. Nesta ocasión tamén teremos dous cuartos para cada un dos Entroidos, un para homes e outro para mulleres, que poderán ser utilizados por aqueles que precisen de maior privacidade e para os que necesiten ducharse despois do desfile. Os números dos cuartos serán facilitados unha semana antes do desfile. Os cuartos estarán dispoñibles únicamente despois do desfile.
12:15 Tódolos grupos deberán estar na Praza do Obradoiro nos espazos debidamente rotulados cos nomes de cada un dos Entroidos.
12:45 Desfile pola rúa de Fonseca, rúa do Vilar, Praza do Toural, Cantón do Toural, rúa Nova, rúa de Xelmírez, Cinco Rúas, rúa do Preguntoiro, Praza de Cervantes, rúa da Acibechería, Praza da Inmaculada, Arco de Xelmirez, Praza do Obradoiro.
14:00 Remate do desfile e saída cara á Hospedería de San Martín Pinario.
15:15 Xantar nos comedores da Hospedería de San Martín Pinario.
18:00 Saída dos buses dende a Dársena de Xoán XXIII cara aos lugares de orixe.