O programa oficial desenvolverase os días 26 e 27 de xullo.
Os días 26 e 27 de xullo, Verín celebrará a súa tradicional festa da batucada, un evento que cada ano reúne a milleiros de persoas arredor da música, o baile e a diversión. O programa oficial da festa inclúe actividades para todos os públicos e gustos, como desfiles infantís, a festa da espuma e da auga e máis de dez horas de animación musical variada.
A festa arrinca o venres 26 -ás 11:00 horas- co desfile infantil da ludoteca e campamento urbano municipal, que este ano realizará unha colorida e festiva representación de diversos tipos de doces e lambetadas. Os nenos e nenas que participen no desfile estarán disfrazados de caramelos, pasteis, xeados e outros doces, enchendo as rúas da vila de alegría e cor. O mesmo partirá do Colexio Amaro Refojo e pasará pola Praza do Concello ata chegar á Praza García Barbón.
Pola tarde, de 16:30 a 19:00 horas, a festa trasladarase á praia fluvial do río Támega, onde haberá inchables e animación musical.
A noite do venres estará amenizada por Enjoy eventos, que porá música e ambiente na praza García Barbón desde as 23:00 ata as 2:30 horas.
Sábado
O sábado 27, a festa continuará coa xa tradicional festa da espuma e da auga, que se celebrará na praza García Barbón de 17:00 a 19:00 horas, coa música de A Gramola. Ao igual co ano pasado, implementaranse dúas zonas de espuma diferenciadas, unha máis ampla para o público adulto e outra para o infantil.
Ás 19:00 horas comezará o desfile da Batucada, que sairá da mesma praza e percorrerá as rúas da Cruz, a Mercé, Laureano Peláez e Irmáns Moreno. Participarán no mesmo a Banda de Gaitas, a batucada Bloquinho de Xérmolos e a charanga Los Támega.
O broche final da festa virá da man de de tres djs de primeiro nivel: Alex G, Dmiron e Traffic House, que actuarán na praza García Barbón entre as 23:30 e as 2:30 horas.