Presentes durante o ano en feiras internacionais e en foodtrucks que percorren a Península.
As empresas da comunidade e a Administración galega fan unha aposta decidida por mostrar, máis aló das nosas fronteiras, as bondades dos produtos do mar de Galicia e o labor dos profesionais do mar.
Nos últimos anos as vendas galegas ao exterior de peixes e mariscos en distintas presentacións marcou récords. En 2023 Galicia situouse no posto 15 mundial en ventas externas de produtos de pesca, con máis de 608.000 toneladas por valor de 2.787 millóns de euros. Concretamente, o pasado exercicio saíron da comunidade autónoma o 56% dos que produtos que vendeu España ao estranxeiro, xerando o 52% do valor; o que representa un 2,94% máis que en 2022 e supera nun 15,76% as de 2021. Asemade, mellorou o volume de negocio nun 0,65% respecto ao ano anterior e un 2,5 comparándoo co de 2021. E todo produciuse malia dificultades económicas globais derivadas da guerra en Ucraína, do encarecemento da enerxía e das materias primas e da escalada inflacionista que levou aparellada.
A dilatada experiencia e traxectoria das empresas galegas da cadea mar-industria é clave á hora de participar en distintas feiras para dar a coñecer os seus produtos, abrir novas vías de negocio e chegar a máis mercados. A Consellería do Mar vai da man de pequena empresas -grandes empresas acoden en solitario- participa cada ano en preto dunha vintena de certames nacionais e internacionais.
Así, a Xunta de Galicia xa estivo ou vai estar presente en importantes feiras internacionais como Gulfood Dubai, Foodex Japan, a Seafood Expo North America, Tutto Food Milán, a Summer Fancy Food Show de Nova York, a Seafood Expo Asia, Expomar Cabo Verde ou Anuga Colonia. A elas engádense outras nacionais como a Aquafuture Spain de Silleda, o Salón Gourmets de Madrid, a Seafood Expo Global de Barcelona, Expomar Burela, Salimat Abanca en Silleda, Conxemar Vigo, San Sebastián Gastronómika, Xantar Ourense ou Gastrónoma Valencia.
GALICIA SABE AMAR
Mediante a campaña GALICIA SABE AMAR -posta en marcha en 2021- a comunidade participa nestas feiras tendo como obxectivo poñer en valor os produtos do mar, ademais de agradecer o esforzo realizado polos pescadores galegos para poñer a disposición dos consumidores múltiples alimentos da máxima calidade.
Outras campañas específicas poñen en valor recursos como a pescada, o bonito do norte, a centola, o polbo, os mariscos ou o mexillón, entre outros moitos. Nesa promoción tamén se inclúen os produtos elaborados, como conservas ou conxelados, que contan con importantes campañas para impulsar o seu consumo e os seus prezos.
Todo este traballo tamén pretende que os profesionais do mar conten con mellores ingresos e que a actividade poida manterse no futuro facéndose atractiva para as novas xeracións, e que vexan no sector marítimo-pesqueiro unha boa opción profesional; só a cadea mar-industria galega dá traballo directamente a 40.000 persoas.
Novidades
Desde o ano pasado GALICIA SABE AMAR deu un paso máis e botouse á estrada. Con catro foodtrucks percorren distintos concellos de Galicia polos que pasan diferentes rutas do Camiño de Santiago. As catro furgonetas ofrecen petiscos elaborados a base de produtos certificados do mar de Galicia para poñer en valor a súa versatilidade e calidade, eanimar a súa compra e o seu consumo.
Esta “peregrinaxe” comezou en febreiro de 2023 e continuou por outras comunidades para vir de volta a terras galegas.
Durante este tempo achegaron as súas elaboracións a 35.000 persoas e a 376 concellos, sumando un total de máis de 6.000 quilómetros percorridos. En 2024 e 2025 a previsión é ofrecer 1.400 degustacións.
Ófrecese un total de 10 pinchos diferentes elaborados a base de produtos certificados do mar -como os amparados polo selo pescadeRías, berberecho de Noia, bonito do norte ou mexillón de Galicia- xunto a outros produtos da terra con Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou Denominación de Orixe Protexida (DOP) como as fabas de Lourenzá, mel de Galicia, pementos de Arnoia e Herbón, queixos de Arzúa-Ulloa ou do Cebreiro, pan de Cea ou as patacas.
Toda a información sobre as rutas destas catro furgonetas pode consultarse na páxina web galiciasabeamar.gal ou nas redes da Consellería do Mar, onde se actualiza a información sobre os distintos percorridos, horarios e posibles cambios de última hora.
Resultados
A estratexia deseñada por Galicia para promocionar os produtos do mar e elevar tanto o seu consumo como os seus prezos parece dar froitos pois as cotizacións nas lonxas galegas encadearon varios máximos históricos nos últimos anos. Cuestión fundamental para unha comunidade que conta con máis de 60 lonxas nas que se comercializan arredor de 300 especies diferentes entre peixes, mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos, entre outros. Son recursos da máxima calidade e recoñecido prestixio polo que son demandados por compradores de calquera punto do planeta, incluídos os procedentes da acuicultura, como o mexillón, e da industria transformadora, que acaban subministrando os mercados de toda España e doutros puntos do mundo para elaborar os pratos máis innovadores e saborosos nos restaurantes máis prestixiosos.
Economía
O sector mar-industria é fundamental para a economía galega pois ten interacción con 76 das 83 ramas económicas identificadas en Galicia. Pon no mercado cada ano produtos por valor de preto de 9.000 millóns de euros. En España, alcanza o 4,8% do PIB, de forma que o sector extractivo chega ata o 2,1%. Por iso, as campañas de promoción son fundamentais para pechar contactos e negocios con firmas internacionais o que fai estar aos produtos galegos, cada vez, en máis países.
Unha opción saudable
Ademais, trátase dun produto moi saudable o que incide nun aforro en gasto sanitario, xa que se promoven uns mellores hábitos de vida (recoméndase consumir, como mínimo, tres ou catro racións desta proteína á semana).
E todo isto fomenta o traballo de todas aquelas mulleres e homes que cada día saen ao mar para que este nutritivo recurso non falte en ningunha mesa. Este xesto apoia aos profesionais dun sector que en Galicia conta cun gran peso dado que o 91% das actividades económicas da comunidade están relacionadas coa pesca e a cadea mar-industria.
Ademais, os galegos predican co exemplo, pois a dieta atlántica ten no peixe un dos seus grandes piares, o que contribúe á lonxevidade dos seus cidadáns. Fonte de Omega-3, vitaminas D e B, ferro, potasio, iodo, calcio…, os peixes e mariscos son alimentos con importantes valores nutricionais e cunha pegada de carbono das máis baixas entre os produtos que hai dispoñibles no mercado.