A empanada será a protagonista en Allariz

A súa festa terá lugar entre o 16 e o 18 de agosto.

Allariz prepárase para unha nova edición da «Festa da Empanada», que terá lugar do 16 ao 18 de agosto. Para este evento, o Concello de Allariz ten preparada unha programación variada e entretida para todos os públicos. Cristina Cid, alcaldesa de Allariz e os concelleiros de Cultura e Deportes, Alberto Conde e Carlos Puga, respectivcamente, presentaron a programación para esta edición.
Como explicaba a alcaldesa a programación está chea de actividades para todos os públicos e para todas as idades. Música, deportes, concertos e, por suposto, empanada centrarán as actividades para a edición deste 2024.

Unha actividade marcada no calendario é o Campionato da Billarda celebrado sempre na Festa da Empanada. Debido a gran afluencia de inscritos, e por temas de espazo se tivo que adiantar un par de días a súa celebración. Dende a Área de Cultura explicaron que esta edición o campionato contará con varios grupos: infantís, xuvenís e sénior masculina e sénior feminina. As previas dos equipos sénior comezaron o día 5 e rematarán o 9 de agosto. As competicións infantís e xuvenís serán o 14 de agosto a partir das 11:00h. Os finalistas sénior, tanto masculino coma feminino xogarán as finais o 14 de agosto a partir das 19:00h. Todas as competicións realizaranse no Campo da Barreira.

Programación
A programación da Festa da Empanada arrincará o venres, 16 de agosto, coas Xornadas de Folclore que terán lugar ás 23 horas no Campo da Barreira.
O sábado, 17 de agosto, chega unha das actividades deportivas máis agardadas tanto para veciños coma visitantes: o triatlón Vila de Allariz, que dará comezo ás seis da tarde na Alameda. Os Xardíns do Museo do Coiro acollerán ás 21 horas as Xornada Gastronómica con degustación da empanada de Allariz. Este día a música chegará da man de grupo Brinkadelia Troupe (22.30h) e da Discomóbil Apocalipsis, coa sesión do DJ Castro (00:00h) todo elo nos Xardíns do Museo do Coiro.

O domingo, 18 de agosto, último día das actividades pola Festa da Empanada, a festa campestre dará comezo ás 11.30 horas no Campo de Vilanova, onde estarán os stands de empanadas, e ademais se ofrecerán churrasco e polbo durante todo o día. Un pasarrúas coa Banda Unión Musical de Allariz (11.00h) amenizará a festa. Ás 12.00h desfile de Xigantes e Cabezudos, acompañado polo grupo de gaitas De Pé Feito, dende a praza de Abastos ata o Campo de Vilanova, onde a Banda Unión Musical de Allariz ofrecerá ás 13 horas. No mesmo lugar, e seguindo coa música, concerto de De Ninghures ás 19.30h. E nos Xardíns do Museo do Coiro, ás 21 horas, Baile Popular co Grupo Tattoo, e ás 00:00h verbena co mesmo grupo.

No que atinxe ao deportes este domingo 18, ás 11:00h celebrarase a Regata Provincial de Piragüismo no embarcadoiro da Alameda (11.00h) e presentarase o o equipo CD Allariz que disputará un amigable ás 18.30 horas contra o Sporting Celanova.