Galicia, referencia para outras comunidades autónomas pola nova Oficina Económica

A Xunta busca desburocratizar para ampliar poxectos galegos e atracción de capital.

O pasado mes de abril activouse co obxectivo de impulsar o proceso de desburocratización e axilidade, que iniciou Galicia cun novo modelo de relación coas empresas, a Oficina Económica de Galicia, comandada desde Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). A mesma, xa está asesorando a empresas e asumindo a coordinación de todos os proxectos industriais estratéxicos da comunidade galega.

Canle única
A Oficina actúa como unha canle única entre empresas e administración e coma un punto de contacto, facilitando información, asesoramento ou acceso á financiación. Os proxectos declarados estratéxicos tamén os coordina e, ademais, atenden múltiples demandas de información de empresas e emprendedores, onde destacan as demandas de solo industrial.
A necesidade desta oficina quedou patente ás poucas semanas de entrar en funcionamento. A Oficina Económica de Galicia atendeu, nas primeiras semanas da súa posta en marcha, a máis dun milleiro de consultas de empresas.
O obxectivo é reducir os prazos para que as tramitacións dos proxectos empresariais sexan máis rápidas e, en definitiva, máis fáciles. A propia Oficina quere ser un exemplo desta axilidade e, segundo a súa directora, Natalia Barros, calquera solicitude de información é atendida en menos de 24 horas.

Implantación en Galicia
A atracción de capital a Galicia é outra das tarefas deste órgano, que traballa en coordinación cos diferentes departamentos autonómicos e con todas as institucións e administracións que poidan ofrecer unha solución a empresas e emprendedores. É dicir, a Oficina ofrece información, non só de Galicia, senón de todo o catálogo de axudas ou necesidades que poden atoparse noutros organismos, sexan locais, estatais ou comunitarios.
Por todo isto, a súa directora, secundada polos técnicos, xa están mantendo reunións con compañías que necesitan asesoramento sobre a súa posible implantación no territorio galego ou para impulsar desde a comunidade iniciativas consolidadas ou novos proxectos. Todo isto, asociado a unha serie de indicadores que permiten á Oficina realizar un seguimento e, de ser preciso, detectar os puntos de mellora nas políticas empresariais.

Réplica
“Facilidade total para as empresas”. Este é o espírito da nova Oficina Económica e iso é o que reclaman agora outros territorios de España, que expresaron publicamente o seu interese por desenvolver nas súas estruturas administrativas órganos semellantes, atendendo as demandas do empresariado e das organizacións económicas representativas do territorio.

Asesoramento
Entre as liñas de axuda que ofrece a Oficina Económica de Galicia, atópase o desenvolvemento de calquera iniciativa emprendedora ou de proxectos de innovación, aínda que tamén destaca o asesoramento sobre proxectos que impulsen a transición enerxética. O impulso da transformación dixital, a eficiencia enerxética ou a economía circular son outros temas sobre os que asesora o novo órgano da Xunta.
Todo isto fai da Oficina Económica de Galicia un novo recurso de apoio á economía galega e ás empresas, tanto as que xa están operando desde o territorio galego coma aquelas que barallan a opción de implantar aquí a súa actividade. Un órgano de referencia máis alá das fronteiras galegas coma exemplo de éxito da desburocratización e da dinamización económica.