Panamá, Senegal e México estarán en Maceda; Colombia, Taiwán e Serbia, en Verín.
O colorido dos traxes tradicionais e os ritmos dos seis países participantes nas Xornadas invadirán hoxe as vilas ourensás de Maceda e Verín.
Maceda recibirá hoxe os ritmos e as danzas que contan as tradicións e a historia dos pobos asentados en Panamá, Senegal e México. O público asistente poderá disfrutar dunha ocasión especial para descubrir outras culturas, unidas nestas Xornadas pola paixón común polo folclore.
O segundo Festival do día terá como escenario o Parque da Preguiza, en Verín. Tres países – Colombia, Taiwán e Serbia- procedentes de tres continentes, amosarán aos asistentes a riqueza das súas danzas, resultado dun intenso traballo de investigación.
A noite comezará co grupo de Colombia, a Fundación Ballet Folclórica de Nobsa, que foi fundada en 2014 co obxectivo de motivar a nenos, mozos e adultos de 5 a 60 anos. Os seus bailes recrean o impacto da historia colombiana en escenarios rexionais e tentan reflexar o papel da danza no país, definida por diferentes culturas. Todas deixaron un importante legado, expresando a través dos bailes as súas crenzas, vivencias e pervivencias de feitos antigos que marcan as súas raíces, independentemente da clase social e racial (mestizos, negros, mulatos).
Seguidamente subirán ao escenario o grupo de Taiwán Yuan Yuan Dance Group e pecharán a noite os serbios de Kud Srem.
As Xornadas de Folclore están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.
Xoves, 15 de agosto: Entrimo e Viana do Bolo
As músicas e danzas dos seis países participantes nesta XXXIX edición das Xornadas continúan mañá a súa viaxe pola provincia ourensá. Colombia, Taiwán e Serbia chegarán á Alameda de Entrimo, ás 20.30 horas.
En Viana do Bolo, a Praza Maior recibirá aos compoñentes das agrupacións procedentes de Panamá, Senegal e México. A cita será ás 22.30 horas.