Luis Menor enxalza as como “todo un símbolo da programación cultural da provincia”, con 400 grupos e 15.000 artistas.
O presidente provincial, Luis Menor, recibiu no Salón de Plenos da Deputación aos integrantes das agrupacións Fundación Ballet Folclórico de Nobsa (Colombia), Ballet Folk. Instituto Tecnológico de Celaya (México), Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas (Panamá), Kud Srem (Serbia), Ballet Jammu (Senegal) e Yuan Yuan Dance Group (Taiwán), participantes na 39ª edición das Xornadas de Folclore, que percorrerán a provincia ata o próximo 21 de agosto.
Luis Menor enxalzou as Xornadas de Folclore como “todo un símbolo da programación cultural da provincia”, destacando que as súas 39 edicións contaron con 400 grupos e 15.000 artistas. Tamén quixo facer referencia o presidente provincial ao carácter emigrante da provincia e o seu “xen da hospitalidade”, explicando que “a nosa xente soubo o que foi marchar a outros países para buscar un futuro mellor, e polo tanto sabemos o que é estar fóra da casa, que nos acollan noutros lugares e adaptarnos. Todo iso conformou a nosa base cultural e por elo apreciámosvos e valoramos o voso traballo”.
Esta cita co folclore de diversas partes do mundo está organizada pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, e conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos que acollen este evento. Precisamente, o presidente provincial quixo transmitir o seu especial agradecemento a Xulio Fernández Senra e a Xavier Álvarez Campos, “os auténticos artífices das Xornadas. Sen o seu traballo, nada de isto sería posible”.