Colombia, Taiwán e Serbia desfilarán polas rúas de Xinzo e Castro Caldelas acollerá ritmos de Panamá, Senegal e México

XXXIX Xornadas de Folclore.

Xinzo de Limia acolle o primeiro dos festivais desta noite cun desfile. Dende o parque do Toural ata a praza Carlos Casares, as agrupacións de Colombia, Taiwán e Serbia despregarán toda a vistosidade e os ritmos cos que gañaron os aplausos do público nas dez vilas ourensás que percorreron nesta nova edición das Xornadas de Folclore.

O grupo de Taiwán, Yuan Yuan Dance Group, procedente da zona centro da illa, nace en 1995 co propósito de dar a coñecer a cultura taiwanesa por todo o mundo. Nas súas actuacións representan as festas máis típicas do seu pobo: danzas do dragón, danzas relixiosas, danzas de ano novo ou de agradecemento á natureza polas colleitas. Todo o patrimonio está vinculado á cultura tradicional da China continental, pero non esquecen as danzas aborixes da illa, máis concretamente do pobo Hakka, etnia natural da illa e que mantén a súa cultura tradicional viva.
Unha vez rematado o desfile, o Festival comezará ás 20.30 horas.

En Castro Caldelas, na praza do Prado, os asistentes ao Festival poderán descubrir as historias que os ritmos e danzas dos grupos de Panamá, Senegal e México contan cunha calidade artística extraordinaria, tras anos de intenso traballo e cunha calidade artística.
As Xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.

Luns, 19 de agosto: Manzaneda e Bande
Este luns, será a última cita na que as seis agrupacións folclóricas presenten o seu repertorio por separado, en dous Festivais e en dúas vilas diferentes.
A praza da Constitución, en Bande, fará viaxar ao público ata Colombia, Taiwán e Serbia ofrecendo un abano das distintas culturas e etnias que habitan nestes países. Será ás 20.30 horas.
Ata Manzaneda chegará a tradición folclórica de Panamá, Senegal e México. No Patio do Colexio, os asistentes poderán descubrir ás raíces da tradición folclórica dos tres países. Será ás 22.30 horas.