Ourense acolle esta noite o gran desfile das seis agrupacións folclóricas coa Praza Maior como escenario final do percorrido

Os grupos amosarán o seu folclore polas rúas da cidade na penúltima actuación das Xornadas que acollerá a praza Maior.

As XXXIX Xornadas de Folclore entran esta noite na súa recta final coa actuación das seis agrupacións folclóricas na praza Maior da cidade. Previamente, os 170 compoñentes dos grupos que representan a catro continentes, realizarán o xa tradicional desfile pola rúa do Paseo, partindo do parque de San Lázaro, ás 22.30 horas.

Os vistosos traxes tradicionais amosarán o seu colorido ao ritmo das súas músicas ao longo do Paseo. As obras ao final da rúa Lamas Carvajal obrigan a introducir un pequeno cambio no traxecto inicial. O desfile, ao chegar a igrexa de Santa Eufemia, subirá cara á Catedral e entrará na praza Maior pola rúa das Tendas, onde os grupos serán recibidos polo público asistente.

O Ballet Jammu de Senegal encabezará o desfile desta noite, seguido do grupo de Panamá, Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas, do Yuan Yuan Dance Group de Taiwán, dos mexicanos de Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya e dos serbios de Kud Srem. Os compoñentes do grupo colombiano da Fundación Ballet Folclórico de Nobsa serán os responsables de pechar este atractivo percorrido pola cidade como preámbulo das actuacións na Praza Maior de Ourense.

A partir das 23.00 horas, as seis agrupacións folclóricas amosarán ao público presente as danzas e as músicas tradicionais dos países presentes nesta edición das Xornadas de Folclore, organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións

A orde de intervención neste penúltimo espectáculo conxunto será: Panamá, Senegal, Colombia, Taiwán, México e Serbia. Máis dunha hora de actuacións no que o público poderá asomarse a esta fiestra das culturas do mundo e admirar o traballo de recuperación e transmisión do folclore, desenvolvido polas seis agrupacións.

Mércores, 21 de agosto: Ribadavia
O Auditorio do emblemático Castelo de Ribadavia acollerá mañá o último espectáculo destas Xornadas de Folclore coa actuación, nun pase único, das seis agrupacións folclóricas participantes nesta edición de 2024. Será ás 23.00 horas.