Actuarán os seis grupos a partir das 23.00 horas.
O Castelo de Ribadavia, patrimonio artístico único, será esta noite o escenario perfecto para despedir a música, cor, cantos e danzas das seis culturas diferentes, procedentes de catro continentes, que encheron as noites ourensás dunha riqueza excepcional durante dez días. A cita será as 23.00 horas.
O Festival de peche desta edición de 2024 comezará, neste espectáculo conxunto, coa actuación dos grupo de Panamá, seguido de Senegal, Colombia, Taiwán, México e Serbia. Máis dunha hora de actuacións para despedirse de Ourense nun marco excepcional no que se une patrimonio cultural material e inmaterial.
Durante dez días as agrupacións folclóricas de Panamá, México, Colombia, Senegal, Taiwán e Serbia, participantes nesta XXXIX edición, entusiasmaron ao público cos seus vistosos espectáculos. Bande, A Rúa, Celanova, O Barco, Manzaneda, O Carballiño, Trives, Allariz, Maceda, Viana do Bolo, Entrimo, Xinzo de Limia, Castro Caldelas, Verín e Ourense, xunto con Ribadavia esta noite, foron anfitrións perfectos para o folclore do mundo.
Este evento cultural, moi esperado polo público neste mes de agosto, está organizado pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.
Os responsables de invadir as rúas e prazas da provincia de historias recuperadas do folclore e da maxia do baile dende todo o mundo foron este ano O Ballet Jammu de Senegal, o grupo de Panamá, Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas, o Yuan Yuan Dance Group de Taiwán, os mexicanos de Ballet Folk Instituto Tecnológico de Celaya, os serbios de Kud Srem e os compoñentes do grupo colombiano da Fundación Ballet Folclórico de Nobsa.
Todas as persoas que conforman o elenco artístico manifestaron a súa “gratitude” ao público ourensán “pola excelente acollida” en cada unha das vilas, onde os longos aplausos foron o mellor agasallo recibido, e a organización “polo bo trato e a atención continuada”.