O Pladiga 2024 conta con máis medios materiais para protexer o monte galego

Este ano entra en servizo a nova base de medios aéreos de Verín-Oímbra.

Este ano a Xunta conta, por primeira vez, para o dispositivo de loita contra incendios forestais con seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes. O documento do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) contempla entre as súas novidades a adquisición destes vehículos autopropulsados, que permiten facer traballos preventivos de roza (incorporando, de accesorio, un brazo lateral con disco de corte) e de extinción, ao dispoñer de espazo para depósito de auga con lanza e enganches para mangueiras e soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias.
Outra das destacadas novidades do Pladiga 2024 é a creación de ata 44 novos puntos de auga para recarga de medios aéreos e terrestres (xa se conta con 4.843 puntos existentes). Deles, 24 serán construídos directamente pola Xunta e os 20 restantes poranse en funcionamento a través de subvencións para comunidades de montes veciñais en man común. Ademais, cabe destacar a entrada en servizo da nova base de medios aéreos de Verín-Oímbra, o que mellora sensiblemente a operatividade na zona fronteiriza con Portugal.

Efectivos
Xunto a estas novidades o dispositivo estará integrado por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións.
Neste eido, este ano aplícase xa de xeito efectivo o aumento do tempo de traballo de parte do persoal laboral da Xunta, que pasa a actuar durante sete meses, un mes máis que en 2023. Esta iniciativa continuará, polo que en 2025 chegarán aos oito meses, e aos nove en 2026, polo que ese ano todos os efectivos traballarán un mínimo de nove meses ao ano (hai que ter en conta que dous terzos -2.000- deste persoal xa traballa ao longo de 12 meses) dentro do obxectivo marcado pola Xunta.

Medios materiais
En canto aos medios materiais, ademais das novidades citadas, un ano máis contarase con arredor dunha trintena de medios aéreos contra o lume (aportados por Xunta e Estado), así como con preto de 380 motobombas. En relación con estes vehículos, entregáronse 18 novas unidades a 15 distritos forestais hai apenas uns meses. Nesta liña, ralizáronse 36 cursos teórico-prácticos nos distritos forestais aos que se asignaron estas motobombas, destinados aos bombeiros forestais condutores que manexarán estes vehículos.
Outro avance tecnolóxico ten que ver coa instalación de móbiles, tablets e a aplicación Xeocode Lite (de xestión da información sobre lumes) nas motobombas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF), o que mellorará a súa operatividade e permitirá, entre outras utilidades, facilitar datos sobre o posicionamento, en tempo real, dos medios dispoñibles.
Así mesmo, afondarase na mellora dos recursos dispoñibles para a extinción con medidas como a incorporación ao aplicativo “infraestruturas” da información dixital da Rede de Puntos de Recepción de Medios. Deste xeito, procederase á identificación, avaliación e dixitalización desta rede, que actualmente conta cun total de 988 puntos (trátase dunha base de datos activa, suxeita a modificacións -altas e baixas-).

Videovixiancia
No Pladiga 2024, a Xunta aprobou ampliar a videovixilancia nos montes para cubrir o 85% do territorio galego. Por iso, incorporaranse 24 novas cámaras en 12 localizacións ata chegar a un total de 177 en 88 puntos.
Con esta tecnoloxía, en caso de detectarse un lume, é posible a súa visualización en directo e o seguimento da súa evolución en tempo real, sendo un mecanismo de apoio á toma de decisións durante a extinción de lumes.

Prevención
O principal obxectivo do Pladiga é o de reducir ao máximo posible as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais.
Dentro do Pladiga, o Plan preventivo prevé actuar en máis de 60.000 hectáreas, das que unhas 5.000 serán xestionadas a través da gandaría en extensivo, e para o que se destinan 41,1 millóns de euros, un 6% máis con respecto ao do ano anterior.
En canto á formación, contémplanse ata 37 cursos en 553 edicións, con máis de 14.000 prazas, o que suporá superar as 150.000 horas de formación. Ademais, no apartado de concienciación cidadá, prevense cando menos 40 charlas dirixidas á poboación das parroquias PAAI.

PAAI
As Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) suman un total de 40 e non varía respecto ao dato de 2023, xa que entran tres novas e saen outras tres. As que saen do listado son as de Santa Uxía de Ribeira (Ribeira), Requeixo (Chandrexa de Queixa) e Parada da Serra (A Gudiña). Entran na listaxe as de Santa Baia de Boiro (Boiro), San Millao (Cualedro) e Santigoso (A Mezquita).
Todas estas parroquias están incluídas en zonas declaradas como de alto risco que, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisen de medidas extraordinarias de prevención e de protección dos montes fronte os lumes.