Entrevista ao escritor Jorge E. Bóveda.
O artista presenta a súa última obra «A palabra salvaxe».
Unha vez máis volvemos entrevistar ao prolífico escritor ourensán Jorge Emilio Bóveda, que nesta ocasión presenta a súa obra «A palabra salvaxe».
De que trata “A palabra salvaxe”?
Jorge Emilio Bóveda: «É unha colección de relatos ou contos aos que Xavier Queipo chamou “textos libres”; unha denominación que me gusta moito. Son contos tan libres que petan nos límites da corrección ás veces. É un traballo literario que abrangue máis de vintecinco anos de escrita. E chameille Palabra “salvaxe”, precisamente polos dous matices: o carácter salvaxe da literatura dos comezos dun escritor xunto coa temática salvaxe en xeral da maior parte dos contos».
“A palabra salvaxe” é unha recompilación de 30 relatos, en que xéneros navegas nesta obra?
J.E.B.: «Como xa teño dito, unha das miñas teimas é tentar facer literatura empregando os xéneros populares tentando unha hibridación entre eles. Os textos deste libro vogan entre varios portos: o terror, o misterio, o humor, o esperpento, o drama social, o realismo máxico ou ficción científica, a pesar de que algúns destes supostos “portos” non sexan xéneros literarios propiamente ditos inda que eu os considere como tales».
Que pode agardar o lector deste libro de relatos?
J.E.B.: «A persoa lectora levará un impacto por cada narración lida. Polo tanto, se as contas non fallan, o lector recibirá trinta impactos. A ver, non pretendo asustar aos lectores, o dos impactos explícase porque fixen fincapé en traballar os finais sorpresivos. Podo asegurar sen arriscarme que, como coloquialmente se di, algúns relatos van deixar “o cu torto” a máis dunha persoa».
Quen lea este libro, con que Bóveda se atopará?
J.E.B.: «Principalmente o Bóveda (como dis ti) emocional; un compendio con case todas as emocións humanas postas sobre o papel: ira, xenreira, medo, amor, odio, celos… todo elo a través de historias curtas autoconclusivas que se len deseguida, que zorregan nos fociños e que, a maioría, convidan a pensar. Inda que, como dixen doutros libros meus, o feito de que conviden a pensar non quere dicir que obriguen a facelo, xa que as propostas pódense ler por puro entretemento.
Tan emocional me pareceu a xénese deste libro que, aparte das dedicatorias iniciais, dedico cada un dos relatos a persoas diferentes. Todas esas persoas teñen que ver coa época na que se concibiu o pequeno texto ou teñen que ver con outros vínculos privados».
Son máis de 25 anos escribindo, este libro pode englobar a esas dúas décadas da túa prolífica obra?
J.E.B.: «Si e non. Si, porque son textos de todas as épocas, mais non, porque o relato curto e a novela son códigos completamente diferentes e teño moitas máis novelas. Había un símil literario non lembro de quen, que dicía que o relato consiste en nadar ou navegar no mar sen perder de vista a costa, mentres que na novela esa navegación faise en alta mar sen rastro de terra por ningures. Seguindo isto, cando empezas a ler cada un destes 30 relatos a persoa lectora xa “vai vendo” o final dende o primeiro parágrafo».
Cantos libros levas xa publicados?
J.E.B.: «Mira, sinceramente, xa non é un cómputo que me tire o sono. Son bastantes, diría que moitos, pero, como cada un constitúe un chanzo vital cara o seguinte, nunha escaleira perpetua, non teño interese especial en levar a “cifra dos trofeos”. Que me chamen o que queiran, mais a literatura para min xa é algo vivencial e imprescindible, se queres existencial, allea a moitas cousas que eu considero superficiais, como o número de obras publicadas, sen ánimo de ofender á túa pregunta, por suposto».
E a partires deste libro?
J.E.B.: «Pois lecturas, traballo na docencia, reflexión, adicarme á revista que dirixo con Eladio Medel e Francisco Javier Fontenla (www.revistainviable.gal) e pensar en sucesivas publicacións xa que, como che dixen antes, despois de case tres décadas, a literatura xa é algo crucial para min e non é unha opción deterse. Sen entrar en fondas consideracións literarias, eu non son un escritor dun libro so, si dunha obra, xa que considero que todos os meus libros forman parte da mesma obra».