Alimagro e Prolimia, esta fin de semana en Xinzo

Dúas feiras para achegarse ata a capital da Limia.

As actividades en Xinzo non paran e esta fin de semana celebra dous eventos á vez: Alimagro e Prolimia.

A quinta edición de Alimagro volverá ser o escaparate do sector agrario en Xinzo de Limia, do 31 de agosto ao 1 de setembro, cunha exposición de maquinaria; a Feira da Pataca, que inclúe a segunda Xornada Técnica dedicada ao cultivo, e a Feira do Comercio. Esta feira, organizada polo Concello de Xinzo de Limia coa colaboración da Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia, o Inorde e Coren, sitúase entre as dez maiores feiras do sector a nivel nacional.
O programa da feira

Durante os tres días que dura a feira, os asistentes poderán gozar dun nutrido programa de actividades dentro do recinto feiral, como showcookings patrocinados pola Escola de Cociña Fariña Branca e a compañía Patatas Meléndez, degustacións, o Concurso de Patacas Fritas Devorajalys ou os tradicionais concertos de gaitas. Como prato forte, destaca a elaboración na tarde do sábado da tortilla de patacas xigante, que pretende bater de novo o récord e que se elaborará con 1.500 ovos e máis de 300 kg de pataca. Os asistentes á feira poderán degustar a maxestuosa tortilla a partir das 19:00 h.

Nese mesmo sentido, destaca a segunda edición da Xornada Técnica da Pataca, que terá lugar na mañá do venres no stand institucional da carpa e que permitirá aos asistentes analizar os principais retos que ten o cultivo. Profesionais nacionais de primeiro nivel debaterán sobre a sementa da pataca: claves do éxito; sanidade vexetal: un reto para o cultivo da pataca, e os mercados e tendencias no sector da pataca.
Máis información e inscricións en: https://alimagro.es/gl/

Prolimia
Coincidindo con Alimagro, o pavillón de Deportes acollerá a Feira do Comercio Prolimia, entre o 30 de agosto e o 1 de setembro.
Ademais dos stands de venda das empresas locais, a feira contará cunha extensa programación na que non faltará a música nin os xogos. Ademais sortearanse dúas viaxes para dúas persoas (unha para clientes e outra para os stands participantes).