Cinema, música, gastronomía e artes gráficas, as propostas do FIC Vía XIV

Entre o 29 de agosto e o 7 de setembro.

«Nesta novena edición contamos con moitas novidades que reforzan os eixos nos que se basea o FIC Vía XIV: potenciar o talento local, converter a Verín no epicentro cultural da contorna e situar a vila do Támega no mapa, amosando ao mundo a nosa idiosincrasia e os valores que nos definen como sociedade», así narraba Carlos Montero, director do festival, o que é para eles esta novena edición. Salientan tamén a versatilidade da programación deste ano. Durante o tempo que dura o festival, realizaranse actividades que van moito máis alá do cinema: dende un concurso de pintura ata unha experiencia gastronómica multisensorial, pasando por concertos, podcasts e gravación dunha curtametraxe documental ou unha exposición fotográfica.

No FIC Vía XIV 2024 estarán presentes nomes como o de Xosé Antonio Touriñán que, ademais da súa faceta de cómico, tamén amosará a de director e guionista coa proxección da súa primeira curtametraxe Nena, ou a da cociñeira Begoña Vázquez, que liderará unha experiencia gastronómica multisensorial xunto coa Denominación de Orixe, Rubén Riós que presenta un work in progress do seu último traballo Vivas ou o guionista Manuel Cortes, que será o encargado de por o broche final na gala de entrega de premios.

Dentro das actividades paralelas, tamén salientan a participación de dous festivais de cinema de prestixio nesta edición: o Entre Curtas de Chaves e a Mostra Intencional de Cinema Etnográfico de Santiago de Compostela (MICE), que proxectarán varias curtas durante o FIC Vía XIV coa finalidade de tecer lazos a través do audiovisual a un e outro lado da Raia. Ademais, e dándolle peso ás iniciativas locais, o FIC Vía XIV estreará o documental oriXes: Dez anos de Nova Era, un percorrido pola banda de gaitas que revolucionou o panorama cultural da vila; e presentará o Espazo Nosferatum, unha homenaxe ao antigo cineclube da vila.

Ademáis, tamén resaltaron a variedade das curtas, seleccionadas para o concurso oficial nesta edición, tanto pola súa temática como procedencia. O festival proxectará un total de 26 pezas que proveñen de Galicia, Portugal, España e outros países como Chipre, Palestina ou Taiwán. Unha vez máis, o FIC pon o foco na valorización do talento local coa creación do espazo Cinema da casa, que alberga pezas audiovisuais creadas na contorna de Verín e que entrarán no concurso oficial. Os bonos para o festival teñen un custo de 25€ e poden conseguirse no Auditorio Municipal ou chamando ao teléfono 638 077 782.

Un xurado profesional composto por Severiano Casal del Rey, O Festival Entre Curtas e Nora Sola decidirá as curtas gañadoras e os premios entregaranse nunha gala final o día 7 de setembro, dirixida e presentada e guionizada por Manuel Cortés. Como novidade contaremos cun xurado novo, co obxetivo de achegar o festival ao público e contribuír a xerar o seu pensamento crítico.

Montero lembrou que as curtas que se proxectarán dentro das diferentes categorías especiais a concurso poderán visionarse no Auditorio de Verín entre o luns 2 e o venres 7 de setembro. Finalmente, durante unha gala especial, dixirida e presentada por Manuel Cortés na xornada do sábado 7, clausurase o foro coa entrega de premios aos mellores traballos.

O programa completo do certame, cos horarios das diferentes sesións e actividades paralelas, así como con información dos seus emprazamentos, pode consultarse na web ficviaxiv.com.