Será o domingo, 8 de setembro.
O vindeiro 8 de setembro, Allariz acollerá o Mercado de Artesanía «Arte de Man», un evento que reunirá a destacadas persoas artesás e creadoras de Allariz e do resto de Galicia na Zona Santo Estevo. Dende as 11:00 ata as 20:00 horas, quen asista poderá gozar dunha xornada dedicada á creatividade e á arte manual.
A concelleira de Promoción Económica, María López e a técnica de Promoción Económica, Eva Sampedro, presentaron a edición de 2024 de Arte de Man.
O mercado contará coa participación dunha diversa selección de artesás e artesáns, incluíndo a A.N.D.R.E.A, Mor Talla, Paulinha Dárzoa, Zeltia Ao Aire, Upside Down, Magari Clay, Olería de Batán, Minha Naicinha, 3D Impresión, Xabier Varela, Luis Pachón, Artesanía Nómada, Estudo Aldea, Xogo de Fíos, Beatriz Fraga-Cestería, Enxógate, Rio Mao Estudio, Eugenio Soto-Vidreiro, Museo do Coiro e Berce do Lume. Cada persoa participante ofrecerá produtos únicos e feitos a man, mostrando a rica tradición artesanal tanto da localidade como de diferentes recunchos de Galicia.
Ademais da exposición e venda de produtos artesanais, o evento ofrecerá dous obradoiros gratuítos abertos a todas as persoas a partir de 6 anos, priorizando sempre ás persoas menores de idade. Ás 12:00 horas, Rio Mao Estudio levará a cabo un obradoiro de creación de pulseiras, e ás 17:00 horas, Xaime González dirixirá un obradoiro de estampaxe de bolsas de tea. Ambos obradoiros non requiren reserva previa, pero teñen capacidade limitada, polo que se recomenda chegar cedo para asegurar un lugar.
A xornada tamén contará con animación musical en vivo de 17:00 a 19:00 horas, a cargo de Pirata Sen Parche, o que promete engadir un toque festivo e vibrante ao evento.
«Arte de Man» é unha oportunidade única para apoiar o talento local e galego, e descubrir pezas únicas que reflicten a paixón e o oficio das persoas artesás de Allariz e do resto de Galicia.