Preto de 400 corredores de Galicia e Portugal participarán na novena edición do Castro Trail Extreme

Celébrase este domingo, 1 de setembro.

O Castro Trail Extreme Campionato Galego de Clubes que terá a Barbadás como escenario este domingo vai camiño de cumprir unha década e consolídase no calendario deportivo. Nesta novena edición participarán preto de 400 corredores de Galicia e do norte de Portugal e poderán desfrutar dos impresionantes paisaxes dos lugares de San Benito, Santa Uxía, Piñor e Parada.

O evento foi presentado na Casa Consistorial de Barbadás e ao acto asistiu a alcaldesa en funcións, Victoria Morenza; o concelleiro de Emerxencias, Dani Rey; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Quique Álvarez, e o organizador do Castro Trail Extreme, David Losada.

A proba contará con tres percorridos: un longo de 24 quilómetros, outro curto e unha andaina de 12 quilómetros. Todos terán como saída e chegada o parque da Liberdade. A entrega de dorsais terá lugar o sábado en horario de 10.00 a 12.00 horas e de 16.00 a 18.00 horas. O domingo poderán recollerse de 7.30 a 8.45 horas, xa que as probas comezarán ás 9.00 horas.

O equipo local Castro Trail defenderá o título en casa e dende a organización anímase a todos os veciños e veciñas a participar no evento animando aos corredores nun percorrido tan duro no físico como impresionante no paisaxístico.