Cun polígono forestal e unha aldea modelo.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, anunciou que o polígono agroforestal de Cualedro sairá a concorrencia pública antes de que remate este ano. Foi nunha visita a este concello ourensán, na que estivo acompañada polo seu alcalde, Luciano Rivero, pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
A titular de Medio Rural explicou que este trámite, de acordo co previsto, realizarase unha vez que se publique no Diario Oficial de Galicia a aprobación do polígono, e que con esta iniciativa mobilizaranse preto de 64 hectáreas de 115 propietarios. O polígono terá como actividade principal a gandaría en extensivo, así como cultivos complementarios. A actividade secundaria serán cultivos agrícolas ou a plantación de árbores para a obtención de froito, entre outros usos.
Nesta visita, a conselleira coñeceu tamén os traballos, xa rematados, na aldea modelo de Carzoá, neste mesmo municipio. Neste caso recuperáronse outras case 60 hectáreas de máis de 200 propietarios, que se destinarán, así mesmo, a unha explotación de gando en extensivo. As obras consistiron na realización de peches e cerramentos, instalacións de manexo e alimentación do gando e outras auxiliares e de enerxía.
No mesmo sentido, Gómez sinalou que, de cara ao futuro inmediato, a Consellería seguirá apostando polos procesos de mobilización de terra agraria, a través de ferramentas como as concentracións e reestruturacións parcelarias ou os instrumentos contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, con outros 20 millóns de euros nos seus orzamentos para o 2025. Así, a conselleira reiterou o compromiso do seu departamento con estas políticas, a prol da ordenación do territorio rural, de facelo cada vez máis produtivo e rendible e tamén cada vez máis verde e resiliente ante o problema dos incendios forestais.
Polígonos e aldeas modelo en Galicia
Cómpre lembrar, nesta liña, que actualmente Galicia conta cun total de 34 polígonos agroforestais en distintas fases, que supoñen a posta en valor de máis de 9.500 hectáreas propiedade de máis de 9.000 veciños. Só na provincia de Ourense hai 21 polígonos e máis de 5.400 hectáreas de terreo, é dicir, case o 60% da superficie total mobilizada. En canto ás aldeas modelo, no conxunto de Galicia existen un total de 21 aprobadas, 14 delas na provincia de Ourense.