Continúa a campaña de vacinación para facer fronte á gripe, á covid e ao virus respiratorio sincitial

Este ano chega coa novidade da aplicación en nenos e nenas da intranasal fronte á gripe.

Desde o pasado 23 de setembro a Xunta ten en marcha a nova campaña de vacinación para facer fronte á gripe, á covid e ao virus respiratorio sincitial. A campaña inclúe como novidade a vacina intranasal fronte á gripe para os nenos e nenas de 2, 3 e 4 anos. Ademais, este ano vacinarase ao persoal dos centros de educación infantil, nos que hai nenos e nenas de ata 4 anos.
A vacinación é unha prioridade para o Goberno galego, xa que se trata da ferramenta máis eficaz para previr a enfermidade. E por iso que, a nosa comunidade conta co calendario de vacinación para toda a vida máis completo do mundo, tanto polo número de vacinas incluídas como polas idades cubertas. Do mesmo xeito, a comunidade galega é líder en España, tanto en taxas de cobertura, como na introdución de novas inmunizacións.

Cobertura
Acadar as maiores taxas de vacinación fronte á gripe en persoal sanitario é un dos obxectivos desta campaña. A cobertura vacinal deste colectivo é do do 57% e preténdese chegar ao 75%. Polo que atinxe ás nenas e nenos, a taxa de vacinación da gripe é do 56% e agárdase conseguir o 60%. No caso das embarazadas, o obxectivo é acadar unha taxa de vacinación do 60%, sendo na actualidade esta cifra do 46%.

Poboación diana
Este ano, a campaña de vacinación fronte aos virus propios do inverno céntrase nos grupos de risco: persoas maiores, os nenos e nenas, as embarazadas, o persoal sanitario e a poboación inmunodeprimida.
Ante os bos resultados da pasada tempada coa súa inclusión no calendario galego, a Xunta volve neste ano apostar pola inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), causante da bronquiolite. Esta iniciativa, na que Galicia foi a primeira comunidade en inmunizar, permitiu evitar o ingreso de 400 bebés menores de 6 meses e acadar unha efectividade do 82%.
A campaña fronte á covid e a gripe iniciouse vacinando ás persoas das residencias de maiores e centros de discapacidade, tanto aos residentes como, no mesmo día e lugar, ao persoal dos centros. O día 7 de outubro a Xunta comezou a vacinar fronte á gripe ás nenas e nenos de 6 a 59 meses, coa aplicación da vacina intranasal a partir dos 24 meses. Esa mesma semana, comeza a vacinarse a menores con patoloxías de risco, ademais de ás persoas inmobilizadas na casa de calquera idade e ás que exercen o seu coidado de forma principal.

Na semana do 14 de outubro, a campaña deseñada pola Dirección Xeral de Saúde Pública continúa, nos centros de saúde de cabeceira, para as persoas maiores de 80 anos, persoas en situación de inmunosupresión, persoal das oficinas de farmacia e quen traballa nos servizos de emerxencias sanitarias. Ademais, nos hospitais públicos de cada distrito sanitario, vacinarase tanto ao persoal dos centros da rede do Servizo Galego de Saúde como dos hospitais privados galegos.
A partir do 30 de outubro abrirán os grandes recintos de vacinación para comezar a vacinar a persoas de 60 a 79 anos, citando en primeiro lugar aos de maior idade. Posteriormente, tamén nos grandes recintos, darase opción de autocita para aquelas persoas de menos de 60 anos con patoloxías de risco, de mulleres embarazadas ou en puerperio, persoal de servizos esenciais e persoal de exposición laboral á enfermidade.
Como novidade, entre o persoal que por cuestións laborais ten exposición á gripe inclúense todas as persoas que traballen en centros educativos con nenos e nenas de 0 a 4 anos.
Para pechar a campaña, está previsto que persoas conviventes de pacientes de risco e o resto da poboación diana pendente de vacinar teñan a súa oportunidade desde o 18 de novembro.

Prevención da bronquiolite
Respecto do virus respiratorio sincitial, desde o 23 de setembro a Xunta inmuniza a todos os bebés nados en hospitais galegos, tanto públicos como privados. Esta campaña continuará ata o 31 de marzo de 2025.
Ademais, as familias daqueles bebés nacidos desde o 1 de abril de 2024 están a ser avisadas por sms para inmunizar a nenos e nenas menores de 6 meses antes de que este outono poidan entrar en contacto co virus que provoca a bronquiolite.
Grazas a esta inmunización que comezou en Galicia o pasado ano de forma pioneira, acadouse unha porcentaxe de inmunización do 95% e supuxo unha redución dun 90% nos ingresos hospitalarios por VRS.

Papiloma humano
Tamén, desde o pasado setembro, o ente autonómico incluíu no calendario de vacinación galego aos nenos varóns nados entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2009 na protección fronte ao virus do papiloma humano (VPH) o que permitirá ofrecer a vacina a arredor de 27.000 persoas.
O procedemento para a vacinación é, por unha banda, a iniciativa dos propios nenos ou das súas familias que poden solicitar cita de enfermería para vacinarse fronte ao VPH a través da aplicación Sergas Móbil ou no seu centro de saúde. Por outra banda, de forma proactiva, a Dirección Xeral de Saúde Pública informa ao persoal sanitario para que trasladen a oportunidade de vacinarse fronte a este virus ao atender a nenos nados entre 2006 e 2009.
A outra novidade é que a pauta ordinaria de vacinación fronte ao VPH pasa a ser dunha única dose, fronte ás dúas doses que se debían poñer ata o de agora.