A Subdelegación do Goberno en Ourense pon en marcha a 40ª edición do seu Concurso da Constitución

Poden participar escolares de todos os niveis educativos.

A Subdelegación do Goberno en Ourense acolleu esta mañá a presentación da 40ª edición do seu tradicional Concurso da Constitución, dirixido a escolares de todos os niveis educativos, que, nesta ocasión, deben realizar traballos que versen sobre o artigo 47 da Carga Magna: “Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada”.

O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, explicou a elección deste artigo: “é un tema de actualidade, que non é sinxelo de solucionar. E permite que vexamos a Constitución como algo próximo, que está moi vencellada co día a día e coas necesidades da poboación”. Ademais, lembrou que a media de traballos presentados cada ano a este tradicional certame supera os 1.000 e “nesta ocasión agardamos superar todas as cifras e para iso estamos realizando unha gran campaña de difusión, polo que xa enviamos as bases a todos os centros educativos, e animámolos á participación, en colaboración coa Consellería de Educación”.

Pola súa banda, o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias, explicou a mecánica do concurso. “Os participantes de educación infantil, primaria e educación especial deben presentar un debuxo ou traballo artístico; mentres que os de ESO, bacharelato, formación profesional e universitarios poden escoller entre unha fotografía ou a elaboración dun vídeo de non máis dun minuto de duración”, detallou. Os centros escolares da provincia teñen de prazo ata o 15 de novembro para remitir á Subdelegación as creacións do seu alumnado.

Os premios aos mellores traballos serán entregados no transcurso dun acto institucional, que terá lugar no Auditorio Municipal de Ourense o día 6 de decembro para conmemorar a festividade da Constitución. Todos os galardoados recibirán un exemplar da Constitución que, ademais, para os máis cativos irá acompañada dun agasallo e para os gañadores da categoría superior, dun bono cultural ou tecnolóxico por valor de 400 euros, para gastar en establecementos adheridos ao bono cultural do Goberno que teñan tenda física na provincia.

O xurado cualificador dos traballos presentados estará composto polo subdelegado do Goberno, o secretario xeral e representantes do Concello de Ourense, a Xunta de Galicia, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde , o PP e o PSOE da provincia. Entre os seus membros atoparase nesta edición a inspectora de Educación da Xunta, Laura Pérez, que tamén acudiu a esta presentación. “Este ano que o concurso se centra no artigo referente á vivenda, dende a Consellería de Educación vemos nos distintos centros diversas casuísticas sobre o tipo e acceso á vivenda. Por iso, permite que o alumnado mostre as súas inquedanzas a través do seus traballos”, explicou. “Este concurso sempre é moi ben acollido polos escolares como mostran as súas corenta edicións”, concluíu.