No Auditorio de Verín.
O Auditorio de Verín acolle unha mostra fotográfica sobre o Can de Palleiro, raza autóctona galega. Esta iniciativa, organizada polo Club de Raza Can de Palleiro en colaboración co Concello de Verín, ten como obxectivo sensibilizar e poñer en valor esta raza canina galega en perigo de extinción, destacando o seu papel histórico e cultural no medio rural de Galicia.
A mostra, que poderá ser visitada durante todo o mes de novembro, inclúe unha coidada selección de imaxes que capturan a beleza e singularidade do Can de Palleiro. A través das fotografías, o público poderá coñecer as características físicas e o temperamento desta raza, recoñecida pola súa fidelidade, intelixencia e capacidade de traballo.
Daniel Conde, presidente do Club de Raza Can de Palleiro estivo presente na inauguración, explicando o labor desenvolvido para a conservación e promoción desta raza. Por outra banda, Samanta Barreira, concelleira de Turismo, Cultura, Festexos e Conservatorio agradeceu o uso do Auditorio de Verín como espazo expositivo para dar visibilidade á esta raza autóctona galega e destacou «a importancia de preservar esta raza emblemática como parte do legado cultural e natural da nosa terra».
Horario de visita
A exposición estará aberta ao público no Auditorio de Verín de luns a venres en horario de 16 a 21 horas. O acceso é gratuíto e está dirixido a todas as idades.