Nun concerto que terá lugar o próximo 21 de decembro.
O Auditorio de Verín prepárase para acoller a Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre nunha noite máxica de música e emoción. O concerto, que terá lugar o próximo 21 de decembro ás 20:30 horas, será unha oportunidade única para desfrutar en directo do novo traballo deste grupo que leva case unha década dignificando e recuperando a música tradicional galega.
Con máis de 350 concertos e dez anos de traxectoria, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre presentan «Axúdame a sentir», o seu cuarto disco en conxunto que convida ao público a recuperar o valor de «sentir», unha palabra que semella perderse na era dixital que vivimos.
«“Axúdame a sentir” dicíame Obdulia con frecuencia, a miña avoa materna. Foi unha de tantas catedráticas sen título nesa célebre universidade da vida. Nada hai máis necesario que sentir e tampouco hai momento máis acaído para perseguir ese verbo que os tempos nos que vivimos: as humanidades esvaécense ao tempo que medra o binomio virtual-máquina. As artes, en xeral, atenderon historicamente a nosa necesidade de sentir. Ese lugar sen algoritmos é unha casa que debemos visitar tantas veces como nos sexa posible. Celebrar a non virtualidade, abrazarnos, escoitar, beber, bailar, sentir, escribir, debuxar, cantar, soñar…
A nosa casa é un torreiro e tamén a platea dun teatro ou as mesas dunha baiuca. O que acontece nun concerto é algo único e irrepetible: extínguese ao pechar o pano, mais á súa vez, é unha chama que prende e segue quentando o noso peito durante moito tempo. Ás veces acompáñanos toda unha vida». Xavier Díaz
As entradas están dispoñibles na web oficial www.ataquilla.com.