O turismo na Ribeira Sacra crece un un 20%

España presentará a Paisaxe Cultural da auga da Ribeira Sacra como próxima candidatura a Patrimonio Mundial da UNESCO.

España presentará a Paisaxe Cultural da auga da Ribeira Sacra como próxima candidatura a Patrimonio Mundial da UNESCO. A proposta, elaborada baixo un novo enfoque que destaca como valor excepcional a relación entre o territorio e os seus poboadores, presentarase ante o organismo internacional en febreiro de 2025 e será avaliada en 2026. Esta decisión, foi adoptada polo Consello de Patrimonio Histórico, convocado polo Ministerio de Cultura coa participación de todas as comunidades autónomas.

Foro Fontes
Antes da decisión final é moito o traballo a realizar para que a candidatura chegue a bo porto. Entre os eventos que se realizan para tal fin estivo o realizado no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín -Ourense-) no mes de outubro: o foro Fontes-Patrimonio da Humanidade: coñecemento para conservar. Durante dúas xornadas, o parador acollía a expertos internacionais e nacionais en patrimonio e profesionais da cultura e turismo que deron claves e impulso á candidatura.
Na inauguración, estiveron presentes personalidades como o Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, Xosé López Campos, quen aseguraba que se contaban «cos requisitos para ser optimistas de cara á consecución deste recoñecemento internacional»; tamén estivo presente Miguel Iceta, embaixador de España na UNESCO, destacando «a historia, a xeografía, a hidrografía e a poboación» que fixeron «unha maneira de ser, de vivir, estar e de proxectarse».

Éxito turístico
Na clausura director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou que a Ribeira Sacra “é unha das xoias da oferta turística de Galicia, que está a medrar en número de viaxeiros un 20%”, ao tempo que afirmou que “está moi presente na planificación da Xunta de Galicia”. Neste sentido, enmarcou esta aposta firme do marco dos fondos europeos que dedican máis de 5 millóns de euros a reforzar a sostibilidade deste destino a través de distintas medidas para os vindeiros anos e que supoñen un impulso cualitativo ao turismo para xerar emprego, mellorar as economías locais e asentar poboación neste territorio.
En concreto, o director de Turismo de Galicia subliñou iniciativas como o Plan de Sostibilidade Turística da Ribeira Sacra aprobado hai uns anos por 2 millóns de euros ao que se suman o incluído no Plan Territorial de Cascos Históricos e Vilas Termais autorizado este ano por outros 2 millóns que busca o compromiso coa mobilidade sostible e a mellora continua. Tamén se referiu ao proxecto que inclúe o Plan Xacobeo Next Generation na súa condición de Ben de Interese Cultural. Trátase, en total, de 5 millóns de euros que permitirán poñer en valor turístico esta zona de xeito sustentable, restaurar o patrimonio cultural, adecuando camiños e sendeiros e actuando no contorno dos miradoiros, entre outras accións.

Motor socioeconómico do territorio
Neste sentido, engadiu que se trata “de toda unha planificación estreitamente ligada ao territorio, definida en base ás súas características e particularidades” que busca referendar que o turismo “é un motor socioeconómico que todo territorio debe ter en conta”.
Destacou tamén o bo comportamento do sector no que vai de ano constatado por previsións de entidades financeiras coma o BBVA que no seu último informe vén de vaticinar que a economía galega medrará á par que a española este 2024 e incluso por riba da media do país en 2025.
Referíndose aos últimos datos do destino Ribeira Sacra, Xosé Merelles destacou que “está a ser un dos xeodestinos que máis está a medrar”. Segundo o INE, nos primeiros nove meses de 2024, o segmento hoteleiro da Ribeira Sacra rexistra máis de 130.000 viaxeiros, o que supón un incremento do 20%, e preto de 242.000 noites neste período, cifra que se sitúa como un máximo da serie histórica. “Isto repercutiu moi positivamente no sector da zona, cun incremento da rendibilidade hoteleira do 5%”, asegurou.
En relación ao encontro, Xosé Merelles salientou a oportunidade que brindou esta cita para que técnicos, investigadores, expertos e outros perfís analizasen casos de éxito, avaliasen distintos aspectos da candidatura ‘Paisaxe da auga: Ribeira Sacra’ e informasen sobre as redes creadas precisamente, para a difusión do patrimonio e a investigación.