Verín prepárase para a Feira de Nadal 2024

Contará con máis dunha trintena de expositores, actividades variadas e música para todos os públicos.

O Concello de Verín celebrará a súa tradicional Feira de Nadal os días 6, 7 e 8 de decembro na praza García Barbón, cunha ampla programación que incluirá 33 expositores de artesanía e alimentación, actividades infantís e animación musical para crear o ambiente perfecto destas festas.

Os visitantes poderán gozar dunha variada selección de produtos de artesanía e alimentación ofrecidos polos 33 expositores confirmados, que inclúen: 7 Mestres artesáns con recoñecida experiencia, 19 postos de artesanía e talleres, expositores de produtos de alimentación, así como a participación de asociacións locais e colexios, que estarán presentes con stands solidarios e educativos.

Desde o punto de vista da procedencia dos seus participantes, a Feira de Nadal de Verín será este ano un reflexo de riqueza e diversidade, con 13 expositores locais de Verín e 6 da comarca, que se complementan coa participación doutros recunchos de Ourense (5), distintas zonas de Galicia (6), e incluso expositores internacionais de Chaves (Portugal) e Castela e León, convertendo o evento nun auténtico crisol de tradicións e sabores.

Un programa para gozar en familia
A programación está deseñada para ofrecer actividades pensadas para todos os públicos, con especial atención aos máis pequenos da casa. Todos os días, entre as 16:30 e as 19:00 horas, haberá actividades como:
– Venres 6 de decembro: obradoiro de Doces de Nadal, onde a cativada poderá crear galletas con formas temáticas

– Sábado 7 de decembro: desfrutaremos dunha tarde máxica con Papá Noel, quen estará dispoñible para recoller cartas e sacarse fotos. Ademais, organizaranse talleres para redactar e decorar cartas e manualidades con materiais reciclados.

– Domingo 8 de decembro: gozaremos dun amena xornada con obradoiros como «O boneco de neve váiselle a pinza» e a creación de postais viaxeiras.

– A animación musical será un dos grandes atractivos da Feira de Nadal de Verín, con actuacións en directo que acompañarán a programación ao longo da fin de semana: o sábado 7 de decembro, ás 12:00 horas, a Coral de Verín (Amigos da Música( ofrecerá unha actuación especial; e o domingo 8 de decembro, tamén ás 12:00 horas, o espectáculo musical familiar “Aldeas de Nadal” da compañía de Nelson Quintero poñerá o broche musical a esta edición.
– Como de costume, o evento rematará cunha entrega de premios ao mellor stand da feira e un sorteo dunha Cesta de Nadal con produtos dos expositores, que terá lugar o domingo 8 de decembro, ás 19:45 horas, antes do peche do recinto feiral.