Será o vindeiro 7 de decembro, sábado, ás 20:30 horas, no Auditorio.
O vindeiro 7 de decembro, ás 20:30 horas, o Auditorio de Verín será o escenario do espectáculo solidario «Disculpa si te presento como que no te conozco», unha obra de danza e circo contemporáneo creada por Miguel Barreto e Pablo Parra, integrantes da compañía La Pequeña Victoria Cen. As entradas, cun custo de 8 euros, están dispoñibles en ataquilla.com, e a recadación destinarase integramente a apoiar as labores de reconstrución nas zonas afectadas pola recente DANA en Valencia.
«Disculpa si te presento como que no te conozco» é o froito de tres anos de creación, onde dous corpos en escena exploran a simetría, a duplicidade e a ambigüidade para compoñer imaxes sorprendentes, diálogos acrobáticos e escenas oníricas. A obra convida o espectador a reflexionar sobre a identidade e a relación co outro, permitindo que cada persoa constrúa a súa propia interpretación a través da danza e do circo.
Este espectáculo, coproducido entre Valencia e León, está organizado polo Concello de Verín, que reafirma o seu compromiso coa cultura e a solidariedade. A recadación íntegra será doada á Generalitat Valenciana, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), para apoiar as labores de reconstrución nas zonas afectadas pola recente DANA.