O acendido da árbore, a visita de Papá Noel e unha ampla oferta de teatro, música e deporte prometen un Nadal inesquecible para todos os públicos.
O Nadal dará comezo en Barbadás de xeito oficial este xoves, 5 de decembro, co xa tradicional acendido das luces ás 19.00h na Rúa do Viso. Para acompañar o momento, haberá animación musical mentres as rúas do concello se enchen da luz propia destas datas. Así o anunciaron as concelleiras Marga Pérez (Educación e Comercio), Ana Peleteiro (Cultura e Participación Veciñal), xunto á Tenente Alcalde, Victoria Morenza, e o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
Durante o mes de decembro e parte de xaneiro, numerosas actividades e de distinta índole se celebrarán en Barbadás, organizadas pola Concellería de Cultura, pero coa colaboración necesaria doutras concellerías “ese traballo conxunto é o que fai posible unha programación coma esta”, valorou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. Dende a visita de Papá Noel, que estará cos nenos e nenas de Barbadás o xoves 19 de decembro nos centros educativos pola mañá e pola tarde polas rúas da Valenzá.
Tampouco esquecen visitar Barbadás o Apalpador, que percorrerá o concello o 30 de decembro, e as súas Maxestades os Reis Magos, que estarán na Casa da Cultura o 2 e 3 de xaneiro.
A programación tamén inclúe espectáculos culturais, como a obra de teatro «Molto Barroco» (13 de decembro), «Lambetadas» (23 de decembro), o Festival de Panxoliñas (27 de decembro) ou o concerto de Aninovo da Banda de Música Cultural de Barbadás (3 de xaneiro).
As actividades deportivas programadas son o clinic de porteiros os días 26 e 27 de decembro no Campo de Fútbol Os Carrís e o Torneo Benéfico Prebenxamín (28 de decembro).
A mocidade terá tamén un Taller de DJ Music na Casa da Mocidade (26 e 27 de decembro, e 7 de xaneiro). E para os máis cativos organízase un Campamento de Nadal con actividades infantís entre o 26 de decembro e o 7 de xaneiro no Espazo Infantil, de 09:00 h a 14:00 h.
Victoria Morenza, tenente Alcalde e concelleira de Servizos Públicos, destacou que este ano tentaron tanto introducir novos elementos de luces como tamén levar “ata o recuncho máis agochado do concello a maxia do Nadal”.
A concelleira de Educación e Comercio, Marga Pérez, destacou que o concello puxo en marcha actividades para favorecer “a conciliación familiar, dado que os nenos e nenas están de vacacións. Por iso hai campamentos tanto para nenos e nenas como mozos e mozas”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura e Participación Veciñal, Ana Peleteiro, quixo “animar a que a veciñanza saia e desfrute das festas, da ilusión, dos encontros… de atoparse coa familia e, a veciñanza, non deixa de ser outro modelo de familia”.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que se trata dunha programación dirixida a todas as idades e en moitos lugares do concello e aproveitou para desexarlles ós veciños e veciñas “paz e felicidade nestas datas”.