Repartirá 1.000 euros en premios.
O Concello de Allariz, en colaboración co sector do comercio e a hostalería local, lanzou a súa campaña de Nadal baixo o lema “O Peto dos Desexos”. Unha iniciativa que busca incentivar as compras locais e dinamizar a economía de Allariz durante a época festiva, ofrecendo premios aos seus participantes.
A campaña dará comezo o 5 de decembro e estará activa ata o 6 de xaneiro, ambos incluídos. Proporá un atractivo sorteo de 1.000 euros en premios, distribuídos en dous premios de 250 euros e cinco de 100 euros. Para participar, os clientes deberán xuntar tíckets de compra que sumen un valor total de 30 euros e depositalos, xunto coa “Tarxeta dos Desexos”, nun dos Peto dos Desexos situados no Alto do Portelo e na Alameda.
As compras realizadas durante este período entrarán automaticamente no sorteo, que terá lugar o 8 de xaneiro, ás 11:00 horas, nun acto público no Alto do Portelo.
Cristina Cid, Alcaldesa de Allariz, e María López, Concelleira de Comercio, destacaron a importancia de apoiar o comercio local. “Mercar en Allariz sempre ten premio, porque ademais de dinamizar a nosa economía local, estamos axudando ás nosas veciñas e xerando emprego. É responsabilidade de todos mercar de xeito responsable para contribuír ao crecemento do sector,” sinalaron.
A campaña “O Peto dos Desexos” complétase cunha serie de actividades e unha coidada decoración de Nadal que busca atraer visitantes e crear un ambiente único para o comercio e a hostalería locais.