Reuníronse os membros do Padroado.
O Padroado da Fundación Curros Enríquez, reuniuse para, ademais de debatir o programa de actividades que se desenvolverá durante 2025, aprobar o orzamento anual e renovar o compromiso institucional de colaboración na organización de actividades conxuntas a nivel expositivo ou de promoción dos autores de Celanova.
En 2025 conferencias, presentacións, un encontro de xornalismo e colaboracións con compañías teatrais e outras entidades serán algunhas das fórmulas coas que se traballarán aspectos da vida de Manuel Curros Enríquez como o tempo que pasou de corresponsal de guerra durante as Guerras carlistas, o seu proceso penal ou a súa estadía en Cuba durante os últimos anos.
O Padroado da Fundación ademais debateu sobre o programa anual de actividades que de novo inclúe actividades que van desde presentacións de libros, audiovisuais, exposicións, actividades para nenos e nenas, realización de visitas e actividades destinadas a grupos escolares e outras entidades culturais e sociais, ademais da entrega do XLI Premio “Celanova, Casa dos Poetas” que se decidirá na seguinte reunión.
Entre as iniciativas aprobadas está a maior visualización sinaléctica tanto da Casa dos Poetas como da ruta currosiana, que en 2025 se poderá realizar tras unha redifinición do percorrido que levarán a puntos citados na literatura de Curros (realizando un traxecto circular duns sete quilómetros).
Tamén se afianzarán percorridos explicativos no ámbito literario (bustos como os de Manuel Curros Enríquez ou Pepe Velo) e cinematográfico (lugares que serviron de platós de gravación).
Acordos
Dada a intensa actividade da Fundación e os traballos de xestión, conservación e apertura diaria da Casa dos Poetas, expúsoxe a necesidade de aumentar o presuposto anual; polo que se aprobaron iniciativas como as de aumentar o número de colaboradores económicos, o número de participantes nos diferentes programas de visitas e as partidas das entidades colaboradoras presentes na fundación.
Tamén se está a traballar nunha revisión e mellora tanto a nivel arquitectónico do edificio coma do espazo expositivo da Casa dos Poetas, que está próxima a cumprir 20 anos.