Seleccionados os xardíns do FIXA 2025

A temática será sobre cambio climático.

O xurado do Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) reuniuse para seleccionar os nove proxectos que formarán parte da súa 15ª edición, que terá como lema “Cambio Climático: unha oportunidade para os xardíns”.
O xurado avaliou un total de 32 propostas chegadas desde diferentes países e rexións. como Ecuador, Austria, Italia, Alemaña, México, Bolivia, Chile, Costa Rica, Arxentina, Uruguai, Colombia e Estados Unidos de América, entre outros. No ámbito estatal, as propostas chegadas desde distintas localidades do Estado tamén destacaron: Madrid, Sevilla, Ourense, Valencia, Palencia, Ávila e Segovia, Colunga (Asturias), A Coruña, Cidade Real e Gran Canaria.
Finalmente os elexidos son seis de España (tres de Madrid, un de Valencia, un de Gran Canaria e un de Ourense); dous americanos (de Uruguai, e México e Bolivia) e un de Europa (Austria).
Os nove proxectos seleccionados compartirán o recinto do festival co xardín gañador do público da pasada edición, “O xardín ao revés”; o creado polos centros educativos de Allariz; e o recoñecido co premio técnico pola Asociación Española de Paisajistas (AEP), titulado “Entra nunha obra de arte”.

Valoracións
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, agradeceu o traballo do xurado e salientou a relevancia do festival. “Este evento é moito máis que un conxunto de xardíns: é unha ferramenta para promover a sostibilidade, a dinamización económica e a mellora da calidade de vida no noso concello. A temática deste ano axúdanos a reflexionar sobre como os xardíns poden ser un espazo de innovación e oportunidade fronte ao cambio climático”, explicou.
Francisco García, director do festival, destacou que o certame segue consolidándose como unha plataforma de referencia para deseñadores emerxentes e profesionais do paisaxismo. “O festival ofrece a oportunidade de mostrar o talento e a creatividade de paisaxistas de todo o mundo, mantendo o foco na sostibilidade e no impacto social dos espazos verdes”, afirmou.