A Xunta completa a renovación de espazos exteriores da escola infantil de Bande

Tivo un custe de 11.000 euros.

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado da alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, visitou a escola infantil para comprobar o resultado das obras de mellora realizadas neste centro, pertencente á rede pública autonómica. Os traballos consistiron na renovación dos espazos exteriores e na creación dunha nova zona de xogo cuberta.

En concreto, as obras centráronse na instalación dun novo sistema de recollida de auga e na construción de novas beirarrúas de acceso ao centro. Ademais, a escola dótase mediante esta actuación dunha nova área de recreo cuberta que pode ser utilizada durante todo o ano por estar protexida da chuvia e do vento. Esta zona de xogos conta con pavimento de caucho para uso infantil e renováronse os seus camiños de acceso para facilitar o tránsito de carriños de rodas.

Perfecto Rodríguez explicou que esta intervención, que tivo un custe de 11.000 euros, completa a renovación da zona exterior iniciada o ano pasado coa cubrición do patio diante da escola infantil e do acceso. Como é habitual neste tipo de actuacións, a execución das obras correu a cargo do Concello e foron financiadas polo Consorcio a través da compensación das liquidacións que lle corresponde abonar á entidade local pola prestación deste servizo público.

O xerente do Consorcio explicou que estes traballos enmárcanse no programa de melloras que o Consorcio desenvolve na súa rede de centros ao longo de todo o ano. O obxectivo destas intervencións é que os nenos, as súas familias e o persoal dispoñan dunhas infraestruturas de calidade, funcionais e cómodas.