As Andrómenas e outros contos
O Asneiro ledo, dende Lamas a tosta de Mouriscade baixa bicando nos vidos e nos ameneiros coma unha moza namorada, con paixón e dozura, con agarimo e tento, ten un andar feminino, seguro e feiticeiro, cheíño de arrecendos a sabugueiro e loureiro.
Vístese de escumas antes da curva das perdices e remexe con forza nas augas do regatiño do Baño. O Asneiro é coma un mozo baril de ollos brillantes, de mans rexas, pequeno de perna mais de peito forte e ombreiros xenerosos para o carrexo, ventureiro e arriscado, ousado coma o Candán desafiando o ceo, cando couta a choiva.
O Asneiro é un año noviño que comeza a andar, rebulideiro e saltador nos prados, é lene entre a lá da súa nai. Cando as folerpiñas vanse deitando no coliño das augas, asemellan ovellas pacendo, e as maceiras de Xaime, pastorciños agardando o nacemento do meniño Deus.
Ao remate da Granxa das Perdices, logo de descansar un chisco, canta e rí na fervenciña, se te deitas coa orella pegada ao chan, escóitalo falar coa Vella, conversas de cando entre os dous, criaron as augas primeiras coas bágoas da ledicia da Vella e as outras coas da tristura, tantas foron que asolagaron o mundo, pola ruindade dos homes, tes que deixar callar as felepas ata que o manto branco te cubra coma un anxiño e o son da ruxidoira marmule unha oración.
Mentres en Ribas do Asneiro, os tellados branquexan paseniño, son os cabelos dos avós, dos que viven e dos que nunca morrerán inda que morreran, e o fume, furga nas tellas derretendo na neve; nunha loita perdida, porque a brancura imponse para festexar o Nadal.
En Ribas do Asneiro non falta ninguén, «ninguén» non existe, todos somos «alguén» eternamente. Alí, xúntanse os mozos de tódolos tempos, nas lareiras e nos mazadoiros, arredor dos fumeiros e das tarteiras de capón con pataquiñas redondiñas, asadiñas coa calor das brasas dos carolos de millo e cántanse aos reis ata que amañece.
O amencer do Nadal entre Codeseda e os Muiños é un milagre, na ponte de Lamas o Asneiro escintila con ouro e prata entre a brancura das árbores e fumega soños de xovenca nova, arrecende a papoulas e margaridas, a mazás e fentos, ás amoras e ás landras e ás castañas dos soutos, en ningures alborexa deste xeito, o ceo píntase nas augas de mil maneiras distintas, adorando aquel recuncho onde comezou o mundo, alomenos o meu mundo.
E neste meu mundo unha roseira sagrada agarda prendida na lúa, nas noites de outono é marela e no inverno, verde e branca.
Baixa polo San Xoán a beber no Asneiro e reméxese entre os ameneiros onda a costa do Castrelo.
Con arrecendos divinos vai camiñando a roseira polo Pío a Codeseda e cando baixa a lúa no Castro rube nun raio prateado.
Ás veces dormen xuntiños a roseira e o camiño, e no ceo escóitase musica de Händel e versos de Rosalía.
E nas noites de xeada cando fumega a tosta co respirar da Xacia, a roseira ponse a cantar, e as troitas nas correntes celebran, que xa chegou o nadal!
Avelino Jácome