Para nenos e nenas entre 7 e 12 anos.
O Concello de Barbadás, a través da Concellaría de Educación, organiza unha excursión gratuíta á Estación de Montaña de Manzaneda, dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 12 anos. Esta actividade, que terá lugar o sábado 22 de febreiro, busca fomentar o contacto co medio natural e ofrecer unha xornada de lecer e aprendizaxe nun entorno de neve. O prazo de inscrición para participar na excursión abrirase do 27 de xaneiro ao 7 de febreiro. As prazas son limitadas.
A excursión organizada inclúe o transporte en autobús, o almorzo nas instalacións da estación, a participación nun circuíto multiaventura, o alugueiro de zorras para desfrutar da neve e un seguro de accidentes. A saída está prevista ás 9:00 horas dende A Valenzá, con regreso ás 18:30 horas dende Manzaneda.
A actividade, financiada polo Concello, é completamente gratuíta. Nese senso, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, declarou que “unha vez máis, dende o Concello apóstase pola conciliación e, ademais, vencellada coa actividade deportiva, lúdica e no rural da nosa provincia. Unha actividade na natureza que aporta, á vez que tempo de lecer, unha experiencia importante na formación persoal dos cativos e cativas”.
As persoas interesadas poden visitar a web oficial do concello (www.barbadas.es) ou contactar coa Casa Municipal da Mocidade (Rúa Os Diestros, 2 A, A Valenzá) para coñecer máis información ao respecto. Así mesmo, tamén está habilitado o teléfono 988 000 234.
Con esta iniciativa, o Concello de Barbadás reafirma unha vez máis o seu compromiso co desenvolvemento de actividades de calidade destinadas á infancia e que unen o deporte, a convivencia e o contacto coa natureza nun enclave único do rural da provincia.