O Universo é home

Cartas desde Copenhague

Ano Novo, nova lista de resolucións. Se é que aínda se leva isto de facer unha lista de propósitos en 2025. O particular destas listas é que o 1 de xaneiro collémolas cunhas ganas tremendas, e o 2 de febreiro xa as modificamos por circunstancias vitais non do todo predicibles: basicamente, por vagancia ou por falta de perseveranza.

En 2024, un grupo de intelectuais da Universidade de Cambridge -deses que te fan sentir que pertences a outra especie de Sapiens-, tras moito debate académico e unhas cantas pintas de cervexa no pub Eagle da cidade, decidiron que o substantivo e verbo do ano eran «manifestación» e «manifestar». Non no sentido das accións colectivas de protesta, senón na capacidade individual de visualizar as túas metas para alcanzalas. Aínda que o cliché tacha ás galegas de supersticiosas, non sei eu se estamos polo labor de obsesionarnos co pensamento máxico. Supersticiosas, si, pero tamén desconfiadas. E é que se pode ter todo.

A pesar do atractivo que ten este tipo de pensamento, nunca fun particularmente fan do mesmo. Téntoo, pero nunca mo chego a tomar do todo en serio. Unha cousa é crer nas meigas, e outra moi distinta traballar activamente no desenvolvemento de poderes mentais para quitarlles o choio. Todo ten un límite. Ademais, o grupo de debate de Cambridge tamén advertiu que a psicoloxía actual alzou a voz contra o perigo da manifestación, un dos alicerces fundamentais dos principios da autoaxuda. Recoméndovos ler un artigo de Anna Katharina Schaffner en Psychology Today titulado «Por que manifestar é malo para nós» (https://www.psychologytoday.com), por se queredes indagar máis no tema. Como dicía Aristóteles, o filósofo, alá polo século IV antes de Cristo, todo en exceso é nocivo para a saúde. Tamén manifestar que este ano por fin Brad Pitt se fixe en ti.

A manifestación, se é que realmente funciona, require coñecer e practicar unha técnica específica que, claramente, eu non manexo. Con todo, pensei que en 2025 podería darlle unha oportunidade. Por tanto, ademais de facer unha lista exhaustiva dos retos nos que quería traballar este ano, facendo gala da miña superstición, animeime a pedirlle axuda ao universo para outros mesteres. Iso si, tentei ser o máis específica posible nas miñas instrucións para non dar cabida a ningunha confusión. Así, manifestei claramente os meus desexos de atopar un home bo, con inquietudes intelectuais, interesado en cuestionar a hexemónica narrativa sobre a masculinidad que agora Mark Zuckerberg di é tan necesaria. Esa mesma noite, empezaron a chegar á miña Instagram anuncios para homes interesados en adelgazar.

Disto deduzo que a IA é unha iletrada, carente de empatía e que está sobreexplotada, tentando conceder os desexos de mulleres ao bordo de perder a súa fe na humanidade. Ou que, como me dixo unha amiga cando lle falei de todo isto, «o universo é home».
Ambas as conclusións parécenme plausibles e razoables. Sexan cales sexan vosas resolucións, feliz 2025!

Raquel Sertaje