Conta cun calendario cheo de actividades.
Barbadás xa ten todo preparado para un Entroido 2025 que será imborrable; contará cunha morea de actividades que xa comezaron o pasado sábado 8 de febreiro co Obradoiro de máscaras ancestrais “A Pita e os ovos”, que terán a súa continuidado este sábado, 15 de febreiro coa 3ª Mascaradas Ancestrais que farán un desfile desde a Casa do Concello (16.30h) e rematando no Museo da Gaita. Tamén se realizaron sendos obradoiros de Compadres e Comadres os día 10 (alumnos do Ruxidoiro) e o 11 (do Filomena Dato).
As Regueifas de Compadres e Comadres están previstas para os xoves 20 e 27, respectivamente, na praza Vella da Valenzá desde as 12.30 horas.
O Museo da Gaita de Barbadás organiza un obradoiro de Mecos dirixido a familias o sábado 22 de 16 a 19 horas. O polideportivo municipal acollerá unha Masterclass especial Entroido (martes 25 de 20 a 20.45h.) para todos os públicos e para a que será imprescindible ir disfrazados.
Máis actividades
O día 28 -venres-, que será o día do desfile infantil, o cantante Lito (da Orquestra Panorama) fará o pregón ás 20h. para despois celebrar a Cea de Comadres nos establecementos hostaleiros. Rematada a cena, a festa continúa coa Gramola Disco a partir das once da noite. Este mesmo día estará habilitado un Punto Violeta: trátase dun posto de información para quen a necesite en materia de xénero desde as 22:30h na glorieta da avenida de Celanova. O luns, 3 de marzo, ás 16.30 horas, terá lugar o concurso de disfraces infantil no parque da Solaina (no caso de que as condicións climatolóxicas sexan adversas, celebrarase no patio do CEIP Filomena Dato).
Desfiles
Outros dos grandes momentos do Entroido de Barbadás son os defiles.
O venres, 28 de febreiro, terán lugar os desfiles infantís do CEIP Filomena Dato, CEIP O Ruxidoiro e do Colexio Luís Vives xunto co Centro Ocupacional “As Burgas”, dando o pistoletazo de saída ás 11.30h., nun evento no que participarán preto de 1.200 nenos e nenas, e que rematará coa unión dos desfiles na glorieta da Familia en torno ás 12 horas.
O Gran Desfile de Entroido será o martes 4 ás cinco da tarde (contará cun espazo reservado para persoas con diversidade funcional). Sairá desde a ponte da avenida de Celanova ata a entrada de Ourense. Nesta ocasión e por petición dos propios participantes no desfile non se desfilará de volta debido ao número de persoas que participan nel.
A inscrición (para carrozas, comparsas, parellas/tríos e disfraces individuais) está aberta ata o día 3 de marzo de 2025 ata ás 12:00h. e o concello repartirá 9.000 euros en premios e colaboracións. Así para carrozas e comparsas (mínimo 10 persoas) terán, para as dúas categorías, un primeiro premio de 1.000 euros; un segundo, de 750; un terceiro de 550; e un cuarto de 300 euros. Para parellas/tríos habrá un primeiro premio de 300 euros; un segundo de 150 e un terceiro de 100 euros. E para os disfraces individuais haberá un único premio de 200 euros.
As asociacións participantes no desfile -con 10 ou máis persoas- poderán solicitar unha axuda de 300 euros que se repartirá ata completar a dispoñibilidade da partida orzamentaria e por rigoroso orde de inscrición. A entrega de premios celebrarase ese mesmo día ás 20:00h. na glorieta da Familia.
Ademais contarase tamén con aparcamento gratuito no Carrefour da rúa dos Emigrantes a partir das catro da tarde; este centro comercial ofrecerá, durante o desfile, caramelos sen gluten para a mocidade.
Os percorridos serán anunciados nas distintas redes sociais de Protección Civil e estas publicacións compartidas polo Concello de Barbadás. Durante o desfile, haberá dispoñible un posto sanitario para calquera imprevisto.
Fin de festa
Para pechar o Entroido, o mércores, 5 de marzo, teremos o Mércores de Cinza, cun desfile fúnebre ás 20h. desde a avenida de Celanova ata a praza Vella. Posteriormente procederase á ueima do meco, que virá acompañada dun espectáculo de lume e fogos artificiais de Mystic Fire.