Brúa o vento

As Andrómenas e outros contos

Brúa o vento na pola ergueita, onde o ano pasado fixo a pega rabilonga o niño de garabullos e herbas do amor. As pingas bican os bidueiros con paixón, facéndolle o amor ás codias brancas.
Brúa o vento e resucita a vida das follas secas dos carballos; remuíñan, abaladas, enganadas, soñando cunha nova existencia antes de esmorecer para sementar a terra que as agarda, para alimentar as landras novas, xenes primixenios de carballos imaxinados pola natureza ou por Deus.

Brúa o vento, zoa entre as tellas, subiote brando, feitizo que fire a alma dos esnaquizados pola dor de vivir, polo medo de morrer; segue o seu camiño sen misericordia, sen reparar en ren, na anguria dos homes nin na enchente de auga que o acompaña.

Agora, con forza, estouran as pingas no leito do Asneiro, sinfonía diamantina, escachando entre as escumas na corrente da praia de Blanco, mudando os verdes e os marelos das florciñas serodias, sepultadas agora pola enchente de vida nova que crea a auga ou Deus, mentres o vento brúa na canella, coma a nosa vaquiña, degoirando polo cuxiño que lle venderon na feira do dezaoito.

Eu fuxo nos remuíños do vento cara ao tempo eterno da infancia. No corredor, o meu paiciño, sentado, forrando con herba seca as botas de goma, cambiando os calcetíns mollados e sorrindo: “Chiquito, o vento trae a auga, e a auga é o alimento, sen auga non hai nada”. E despois engade: “Vou limpar o rego da eira, non nos vaia entrar auga na corte de abaixo. Ti asegura ben a ventá do cuarto grande e agarda a que eu volva, nin che se ocorra saír, que te pos coma un pito”.

Vexo como cala a boina na cabeza e, coa sacha ao ombreiro, enfronta o vento e a chuvia coma se formara parte da paisaxe, coma señor do tempo. Eu admiro tanto a súa forza que quedo un anaco mirando, ata que se volve e dime: “Deixa de pasmar e fai o que che mandei, se non che amarga”. Máis que unha orde, parece unha súplica. Que dozura na voz, que agarimo no xesto, que sorriso nos beizos!
Ata para mandar pedías. Mágoa non aprender de ti, papá, mentres brúa sen parar nas xanelas o vento e na miña alma brúan os recordos.

Avelino Jácome