Xunto ao da cidade tamén se presentaron os das Eiroás, A Ponte e Seixalbo.
Unha das festividades máis emblemáticas da cidade é o Entroido. Como cada ano xunto as celebracións da cidade tamén terán a súa importancia os entroidos que se celebren nas Eiroás, A Ponte e Seixalbo.
Este ano a programación irá desde o 27 de febreiro, Xoves de Comadres, até o mércores, 5 de marzo (Mercores de Cinza). Durante a presentación, o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome calificou o entroido ourensán como «o mellor carnaval da metade Norte de España», ademais de ser «as festas por excelencia da cidade». Xunta ao alcalde, estiveron na presentación a concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco, e representantes dos entroidos da Pita, As Eiroás, Frei Canedo, A Ponte, e Paquita e Nicanor, Seixalbo.
Actividades
Gonzalo Jácome animou o público a participar na festa que, sinalou, “cada ano vai a máis” e fai que Ourense “compita sen lugar a dúbidas cos carnavais de Canarias ou Cádiz”. Serán 7 días de festa con animación de rúa cunha “despregue de charangas nunca vista nun entroido”, e actuacións de grupos musicais, orquestras e varios DJ “top”, como Alex Martini (que actuará no Xoves de Comadres), actividades infantís, desfile escolar (o venres 27), o desfile de comparsas (que sairá o domingo, 2 de marzo, ás 16.30 horas das Lagoas para avanzar por Curros Enríquez, Xoán XXIII e Progreso), reparto de orellas -12.000 unidades- e bica o martes día 4, ou o tradicional Enterro da Sardiña, o mércores, 5, ás 20.00 horas, que avanzará desde a praza Maior até o Parque de San Lázaro.
A programación de actividades organizadas polo Concello complétase coa exposición fotográfica de Personaxes do Entroido galego e portugués, con 146 instantáneas de Carlos Padín, que acollerá a Sala Valente desde o mércores, 12 de febreiro até o día 16 de marzo.
Frei Canedo
O clásico entroido de Frei Canedo este ano celébrase do 27 de febreiro, co Xoves de Comadres (a partir das 21h aberto a todo o mundo que vaia disfrazado de muller), e ata o 3 de marzo «Luns de Entroido».
Durante estes cinco días haberá moito baile, xogos e obradoiros para os máis cativos e un xantar popular o domingo, 2 de marzo. O día forte, o Luns de Entroido non faltarán a xuntanza dos cofrades, os actos solemnes, o pregón e a procesión polas rúas do barrio da Ponte; rematará o día a cea de cofrades e os fogos artificiais de medianoite, ademais do baile de disfraces ata ben entrada a noite.
Festa da Pita
O Entroido das Eiroás prolóngase algo máis no tempo debido a que os días 7 e 8 de febreiro realizouse un obradoiro de Pintado de Olas no Centro Comercial Ponte Vella. Esta fin de semana terá lugar o Sábado e Domingo Fareleiro coa recepción do Meco polas autoridades do barrio (á mañá). O Sábado e Domingo Oleiro terán lugar os días 22 e 23 de febreiro, co xogo das olas a partir das 17h do domingo.
O 28 de febreiro, venres, a partir das 10.30h será o desfile polas rúas do barrios co alumnado do CEIP Virxe de Covadonga. O sábado, 1 de marzo, haberá o Folión do Entroido. E rematarán os festexos o martes día 4 coa Voda da Pita (13h), xantar popular, baile de disfraces co seu concurso e a Queima do Meco (ás 21 horas).
Seixalbo
O entroido en Seixalbo arranca o día 23 -sábado- co Domingo Oleiro, día no que se reciben aos mecos Paquita e Nicanor na praza Barreiros (16.30h). O Venres de Chavalada será o día 28 co desfile do alumnado do colexio público CEIP de Seixalbo polas rúas da vila.
O Domingo de Entroido, 2 de marzo, o Gran Cocido Bacanal dará comezo ás 14.00 horas. O Martes de Entroido -día 4- despois do baile procederase á Queima dos Mecos ás 20.30 horas. E pecharán os actos o Enterro da Sardiña, ás 21 horas, no parque da Infesta.