Barbadás acolle a II Carreira pola Igualdade

A cita levarase a cabo este domingo ás 11,00 horas polas rúas da Valenzá.

O Concello de Barbadás presenta a II Carreira pola Igualdade, unha firme aposta polo deporte como motor da igualdade entre homes e mulleres. A cita, enmarcada na programación do Día da Muller, levarase a cabo este domingo a partir das 11,00 horas polas principais rúas da Valenzá.

“Hai que rachar coa fenda entre homes e mulleres, e o deporte ten que ser un acicate. Esta é unha carreira inclusiva na que poden participar nenos, adultos, persoas maiores e persoas con mobilidade reducida”, explicou hoxe o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, na presentación da proba. “En Barbadás cremos que o traballo en prol da igualdade debe levarse a cabo dende todas as áreas”, apuntou Elisabet González, concelleira de Igualdade. Esta é a segunda edición do evento e o Concello espera repetir o éxito de participación do ano pasado (arredor de 400 inscritos).

A proba, impulsada polas concellerías de Igualdade e Deportes, consta dun percorrido de 5 kilómetros que se pode realizar “a pé, en cadeira de rodas, en bicicleta, en patín ou en monopatín”, segundo detallou González. Este ano, como novidade, os participantes que queiran poderán percorrer só o primeiro kilómetro. “Deste xeito pódense sumar á reivindicación todas as persoas que o desexen pero que non poidan completar os 5 kilómetros”, sinalou. A concelleira de Igualdade tamén avanzou outra das novidades: nesta edición haberá “sorpresas e sorteos” entre os participantes unha vez que finalice a carreira.

Noemí Pintos, concelleira de Deportes, animou á poboación a participar na proba para gozar dunha actividade deportiva distinta, reivindicar os dereitos das mulleres e compartir unha xornada coa familia e a veciñanza. “Da igual chegar de primeiro que de último, todos e todas somos gañadores”, asegurou.

Durante a presentación, tanto o alcalde como as concelleiras puxeron en valor o papel das empresas patrocinadoras e colaboradoras, así como da Policía Local de Barbadás e dos voluntarios de Protección Civil. “Sen a axuda de todos eles, esta carreira non existiría”, remarcou Elisabet González.