O Balneario de Arnoia acolle aos primeiros usuarios do Programa de Respiro Termal

Organizado e financiado pola Deputación para persoas maiores afectadas pola DINA.

O Balneario de Arnoia acolle durante esta semana aos primeiros 50 usuarios do programa de “Respiro Termal” destinado aos maiores afectados pola DINA de Valencia, unha iniciativa pioneira da Deputación de Ourense que sufraga ao 100% a viaxe, estancia e tratamentos deste grupo de persoas, que permanecerán en Arnoia ata ao próximo día 16.

O presidente provincial, Luis Menor, acompañado polo presidente da Fundación San Rosendo (que xestiona o balneario), José Luis Gavela, así como polo director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, realizou unha visita a este grupo de persoas residentes en Massanassa, e sinalou que “o único obxectivo deste programa é axudarlles a paliar os efectos psicolóxicos da catástrofe que viviron a través dun dos recursos propios que nos definen como provincia que é o termalismo. En definitiva: axudarlles a sanar”.

Logo de conversar cos usuarios, Menor constatou que “como ben indica o nome desta iniciativa, estalles servindo para ‘respirar”, ou como eles mesmos me sinalaron, ‘para darlles vida’. E iso é o que nos reconforta como administración pública”. De feito, o presidente provincial felicitou á Área de Benestar da Deputación de Ourense “por articular unha moi boa acción solidaria que axuda a quen máis o necesita, poñendo en valor os inmensos recursos que aquí temos”.

Precisamente, en nome dos usuarios falou Amparo Romeu, quen amosou o seu agradecemento por esta experiencia á que se inscribiron ela e o seu esposo por consello dos seus fillos, e que, segundo explicou, lles está servindo para superar traumas: “antes da DINA, íamos a nadar varias veces á semana. Desde que ocorreu todo, lle collimos medo á auga. Pero aquí conseguimos tirarnos á piscina e foi para nós como un renacer”.

Contido do programa
O grupo de residentes de Massanassa, seleccionado segundo os criterios dos Servizos Sociais do Concello valenciano desfrutan de pensión completa, con consulta médica e, divididos en grupos, poden gozar de técnicas termais, actividades para a mellora da saúde emocional e actividades físicas. Ademais, tamén realizarán excursións á comarca do Ribeiro e visitarán o centro histórico da capital.

O presidente provincial, Luis Menor, explicou tamén que a elección de Massanassa vén dada por varias razóns: Por tratarse dun dos municipios máis afectados polo desastre natural, polo máximo interese mostrado polos representantes municipais desde o primeiro momento; e por ser unha entidade local pertencente á Rede Española de Cidades Saudables e de Vilas Termais, ambas seccións da FEMP, ás que tamén pertence a institución provincial ourensá.

Programa baseado na experiencia en termalismo social
Baseándose na experiencia acumulada na última década na xestión de diferentes fórmulas de intervención social, a través dos balnearios, a Deputación de Ourense propuxo á FEMP colaborar nesta iniciativa termal. De feito, a presidenta da FEMP, María José García-Pelayo, amosou a súa resposta positiva e total respaldo á iniciativa, manifestando tamén o seu interese por coñecer os resultados do proxecto.

Avaliación de resultados para futuras iniciativas
A Deputación e a FEMP avaliarán os resultados obtidos (duración do programa, actividades de apoio emocional…), así como do grao de satisfacción dos participantes e polo Ayuntament de Massanassa.
As conclusións permitirán determinar a posible transferencia do programa a outras entidades locais membros de Vilas Termais e a outros municipios da Comunidade Valenciana afectados pola DINA.