Barbadás recupera a esencia da Feira do 2

Amplía postos con comida, antigüedades, plantas ou roupa.

O Concello de Barbadás impulsa a tradicional Feira do 2 cunha ampliación da oferta de postos. A cita mensual, que conta xa con máis de 20 anos de historia, vendía nos seus inicios produtos de diversa índole, pero co paso do tempo foi perdendo variedade, ata quedar reducida á carpa da pulpeira.

“Queremos recuperar esa venda de alimentos, roupa, plantas e antigüidades que se foi perdendo e facer así que a nosa feira sexa como calquera outra que podamos atopar noutros lugares”, explica a concelleira de Comercio, Marga Pérez. A ampliación da oferta tamén pretende rescatar a tradición das rianxeiras que “houbo sempre no noso concello”, en palabras da edila.
A primeira cita desta renovada Feira do 2 é este mércores, pero a intención da Concellería de Comercio é seguir aumentando o número de postos no futuro. “Queremos que vaia medrando e que se converta nunha data de referencia para a nosa poboación”, asegura Pérez.

Paseo dos Amieiros
A Feira do 2 ten lugar no Paseo dos Amieiros da Valenzá, despois do cambio de ubicación levado a cabo nos últimos anos. Este mércores pola mañá, a Policía Local cortará un pequeno tramo da rúa, pero apenas afecta ao tráfico ao tratarse dunha zona sen vivendas nin acceso a garaxes.