O Festival da Arte da Ilustración regresa a Allariz

A súa sexta edición será os días 11 e 12 de abril.

O Allariz Debuxado volve un ano máis para celebrar a súa sexta edición os próximos días 11 e 12 de abril na vila de Allariz. Este festival, convertido xa nun referente no mundo da ilustración e a autoedición, traerá nesta ocasión un programa repleto de actividades e a participación de destacados profesionais do sector.

Nesta edición, o evento contará coa presenza de cinco convidados de luxo: o autor leonés Javi de Castro, a autora balear Anabel Colazo, a editora de Ediciones La Cúpula Natalia Mosquera, o tatuador e ilustrador ourensán Anxo Varela – Pruden Tattoo e a ilustradora coruñesa Lucía Gómez «Michopocho».

O festival iniciarase o venres 11 de abril na Sala de Exposicións A Fábrica cunha sesión de coloquios dirixidos tanto a profesionais como a afeccionados. Durante a xornada abordaranse diversos aspectos do traballo artístico e da industria da ilustración, con charlas e mesas redondas que contarán coa participación dos invitados. Ademais, a xornada pecharase cunha sesión de sinaturas.

O sábado 12 de abril a atención centrarase no Mercadiño de Ilustración e Autoedición, que este ano contará con máis de trinta propostas de ilustradores profesionais, estudantes da Escola de Arte Antonio Faílde e proxectos editoriais independentes. Ademais, os asistentes poderán gozar de actividades como os Roteiros de Urban Sketching, sesións de sinaturas e un obradoiro infantil de creación de personaxes a cargo da ilustradora Lucía Cid.

PROGRAMACIÓN
Venres 11 de abril
Lugar: Sala de Exposicións A Fábrica
• 11:00: Apertura do Festival.
• 11:15: Charla: Pruden Tattoo.
• 12:30: “Reflexións michunas e a importancia de ser unha mesma” por Michopocho.
• 17:00: Presentación do “I Premio ao Libro Informativo Ilustrado”.
• 17:15: “Mano a mano: la relación autor/editor” por Anabel Colazo e Natalia Mosquera.
• 18:30: “Viviendo de dibujar” por Javi de Castro.
• 20:00: Sesión de sinaturas.

Sábado 12 de abril
Lugar: Praza do Matadoiro (en caso de mal tempo, na Sala de Exposicións A Fábrica)
• 11:30: Apertura do Mercadiño de Ilustración e Autoedición.
• 12:00: Roteiro Urban Sketching 1.
• 12:30: Sesión de sinaturas de Anabel Colazo.
• 16:00: Roteiro Urban Sketching 2.
• 16:30: Obradoiro infantil de Creación de Personaxes con Lucía Cid.
• 18:00: Sesión de sinaturas de Javi de Castro.
• 20:00: Peche do Festival.