O Lázaro 2025 ofrecerá máis dunha vintena de actividades para todos os públicos

Será durante a fin de semana do 5 e 6 de abril.

O Concello de Verín vén de facer pública a programación oficial da celebración do Lázaro 2025, que terá lugar os días sábado 5 e domingo 6 de abril. A proposta deste ano consolídase como unha das grandes citas festivas da primavera, cunha oferta que combina tradición, lecer e dinamización da económica local.

Segundo indicou Manuel Lorenzo, concelleiro de Feiras, Transporte e Xuventude, «a proposta desta nova edición mantén o espírito do ‘Lázaro Multicartel’, co obxectivo de ofrecer unha fin de semana de convivencia, dinamismo e participación para veciñanza e visitantes. Este ano reforzamos a aposta pola gastronomía, a cultura e o deporte como eixos fundamentais dunha programación que non só promove o consumo local e a visibilidade dos nosos produtos, senón que tamén contribúe a facer de Verín un destino atractivo durante todo o ano».

Pola súa parte, Diego Lourenzo, tenente de alcalde, subliñou o compromiso do Concello por seguir mellorando cada edición do Lázaro, integrando tradición e innovación nunha programación que aposta pola calidade e a identidade propia de Verín como destino cultural, gastronómico e deportivo. «A cultura, a gastronomía e o deporte non só son elementos de cohesión social, senón tamén unha ferramenta de desenvolvemento local. Con esta programación queremos ofrecer experiencias para todos os públicos pensadas para gozar en familia destas tradicionais festas».

Un dos principais focos da edición deste ano será a nova proposta denominada “Lázaro Gastronómico”, estruturada en dúas iniciativas. Por unha banda, o concurso de pinchos Pincha no Lázaro, que celebra a súa segunda edición os días mércores 3, xoves 4 e venres 5 de abril, contará con 20 locais hostaleiros participantes. O público poderá votar os seus pinchos favoritos durante eses días depositando as súas papeletas nas urnas habilitadas nos establecementos, e participar así no sorteo de varios premios.

Por outra banda, os días sábado 5 e domingo 6 de abril terá lugar a Festa Gastronómica do Solombo, Bacallao e Torrada de Postre, coa participación de 10 restaurantes que ofrecerán pratos especiais baseados nestes ingredientes emblemáticos da nosa cociña máis tradicional.

Durante toda a fin de semana, o Pavillón Municipal de Deportes acollerá a tradicional Feira de Artesanía e Alimentación, con máis de medio centenar de expositores. O horario será o sábado de 11:00 a 14:30 h e de 16:30 a 21:00 h, e o domingo de 11:00 a 14:30 h e de 16:30 a 20:00 h. Dentro da feira celebraranse tamén actividades como a cata de queixos de cabra confitados da Queixería Gaia (sábado e domingo ás 12:00 h) e unha cata-maridaxe de viños da D.O. Monterrei con showcooking a cargo de Miguel López e Begoña Vázquez (sábado ás 12:45 h e 19:00 h, domingo ás 12:45 h). O domingo, ás 19:15 h, terá lugar a entrega do premio ao mellor stand e ás 19:30 h, a entrega dos premios do concurso Pincha no Lázaro.

A feira contará tamén cun espazo infantil Ludolázaro, con obradoiros dirixidos ao público infantil en horario de 16:30 a 19:00 h tanto o sábado como o domingo.

Na rúa Irmáns Moreno, instalarase durante ambos días unha mostra de vehículos novos e de ocasión, organizada coa colaboración de concesionarios locais, en horario de feira.

No apartado musical, a programación comeza o sábado 5 ás 11:00 h cun pasarrúas da Banda de Gaitas Nova Era, que tamén actuará ás 11:30 h e ás 16:45 h no recinto feiral. Ese mesmo día, ás 13:30 h, celebrarase un recital de vibráfono a cargo de Sergio Sande Casal, mestre do Conservatorio de Verín. Ás 17:30 h terá lugar o III Festival de Bandas de Música Vila de Verín na Praza da Mercé, coa participación das bandas de Verín, Boborás e Barbadás. A orquestra Claxxon actuará en dúas ocasións na noite do sábado, ás 20:30 h e ás 00:30 h, na Praza García Barbón. Entre ambas actuacións, ás 00:00 h, o Parque de Fontenova acollerá un espectáculo de pirotecnia e luz dixital.

Xa o domingo 6, a programación musical continúa cun recital de piano ás 13:30 h a cargo de Ría Garrido Ruiz, e un recital de guitarra ás 17:00 h, ambos no Pavillón de Deportes. Tamén ás 17:00 h terá lugar un pasarrúas a cargo do grupo As Travesas (A Mezquita), seguido do concerto da Minibanda do Conservatorio de Verín ás 17:30 h. Pechará a programación musical a orquestra Marbella, ás 19:00 h na Praza García Barbón.

No ámbito deportivo, o sábado 5 de abril celebrarase ás 10:30 h o Torneo das Escolas Deportivas de Natación na piscina climatizada de Verín, con clubs galegos e portugueses. Ese mesmo día, ás 16:30 h, terá lugar o partido de veteranos de fútbol entre A.D. Veteranos Verín e CD Viana no Complexo Deportivo da Granxa.

Finalmente, os actos relixiosos terán lugar o domingo 6 de abril. Ás 11:40 h iniciarase a procesión desde a Capela de San Lázaro ata a Igrexa Parroquial de Santa María a Maior, onde se celebrará a misa solemne ás 12:00 h, coa participación da Coral da Asociación Amigos da Música.