A Escola Infantil de Barbadás abre o prazo de inscrición para o próximo curso

A recepción de solicitudes permanecerá aberta ata o 11 de abril.

O Concello de Barbadás abre o prazo de inscrición de matrículas novas para o curso 2025/2026 da Escola Infantil Municipal. As persoas interesadas poden achegar o correspondente impreso nas oficinas municipais ou a través da sede electrónica da web do Concello (barbadas.es). O prazo de recepción de solicitudes estará aberto ata o próximo 11 de abril.

A Escola Infantil conta actualmente cun total de 102 prazas, distribuídas en 7 unidades para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Nos últimos anos, a Concellería de Educación leva apostado por diversas melloras no centro, como a incorporación de novas ferramentas para facilitar a conexión entre as familias e o persoal da escola (axendas escolares, aplicación móbil) ou a reforma do parque de xogos exterior.

O centro dispón dun servizo de cociña propio, no que se empregan produtos de proximidade e alimentos de tempada. Ademais, os menús están elaborados por profesionais en nutrición, que se encargan de dar resposta ás necesidades nutricionais dos nenos, así como de elaborar alternativas ante posibles alerxias ou intolerancias.