Semana Santa ao vivo de Allariz

A Semana Santa ao Vivo chega a Allariz cunha proposta cultural e lúdica que converterá as rúas do centro histórico nun escenario.

Do 17 ao 20 de abril, a veciñanza e as persoas visitantes poderán gozar dunha ampla programación que inclúe música de rúa, espectáculos infantís, roteiros guiados e mercados de produtos locais, nunha combinación perfecta de cultura, natureza e entretemento.

Música ao Vivo para Todos os Públicos A música será a gran protagonista desta Semana Santa, cunha selección de actuacións que encherán de ritmo e cor as rúas de Allariz. Artistas e grupos recoñecidos como Aiani, Amorodous, Arroxo, Deuce, Erick Lepeich, Os Dous Porquinhos, Minguante, Denis Carballás e Terapia de Grupo ofrecerán concertos en dous pases diarios: de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00. As actuacións desenvolveranse en distintos puntos do casco histórico con tres grupos por día, creando un ambiente festivo e dinámico ao longo de toda a xornada.

Espectáculos para o Público Infantil A programación inclúe actividades pensadas especialmente para as crianzas, co obxectivo de fomentar a súa participación e diversión. O venres 18 de abril, ás 17:00h, na Praza de Abaixo, Inma Soto presentará Xela, aventura na fraga, unha historia chea de fantasía e emoción. O sábado 19, á mesma hora e no mesmo lugar, Cris Collazo ofrecerá Pepa a loba, un espectáculo de contacontos baseado no tradicional relato da lendaria bandoleira galega.

Mercado da Reserva da Biosfera Para as persoas amantes da gastronomía e dos produtos autóctonos, o Mercado da Reserva da Biosfera será unha visita imprescindible. Celebrarase o venres 18 e o sábado 19 de abril, en horario de 10:00 a 14:00, na Praza do Matadoiro. As persoas asistentes poderán descubrir e adquirir produtos ecolóxicos, artesanais e de proximidade, apoiando as iniciativas locais e sustentables.

Roteiros e Visitas Guiadas: Descubre o Mellor de Allariz A Semana Santa ao Vivo tamén ofrece unha excelente oportunidade para explorar a historia e a riqueza paisaxística de Allariz a través de visitas guiadas e roteiros temáticos:
• Roteiro Temático Allariz (18 e 19 de abril, ás 17:00h, con saída desde a Oficina de Información Turística).
• Visitas Guiadas ao Casco Histórico (17 de abril, ás 19:00h, con saída desde a Oficina de Información Turística).
• Roteiro Arqueolóxico de Armea e Igrexa Románica de Santa Mariña de Augas Santas (17 e 19 de abril, ás 10:30h, con saída desde o aparcadoiro de Santa Mariña).
• Roteiro Arqueolóxico de Armea (18 e 20 de abril, ás 11:00h, con saída desde o aparcadoiro de Santa Mariña).
• Visitas Guiadas á Granxa, Queixería e Ecoespazo de O Rexo (17, 18, 19 e 20 de abril, ás 11:30h, en O Rexo, con inscrición previa).

Todas estas visitas ou roteiros serán con inscrición previa en turismo@xeitura.com ou no 609 47 49 76, xa que as prazas son limitadas.
Ademais, os domingos pola mañá hai visitas guiadas á Asociación A.N.D.R.E.A. para grupos reducidos, con reserva previa, unha actividade ideal para coñecer máis de preto o labor desta entidade en favor do benestar animal. Para poñerse en contacto podes facelo por dúas vías, no 696 971 670 ou enviando un correo a andreaasociacion@gmail.com.
Museos Abertos para Todas as Persoas Os museos de Allariz tamén se suman á Semana Santa cun horario especial de apertura. O Museo da Moda de Allariz, o Museo Galego do Xoguete e o Museo do Coiro estarán dispoñibles os días 12, 13, 17, 18 e 19 de abril en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00. Os días 14, 15, 16 e 20 de abril poderán visitarse de 10:00 a 14:00.