O Castelo de Monterrei, clave como polo de tracción turístico e cultural de Galicia

O enclave é obxecto de obras de recuperación e rehabilitación.

A Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, está a facer unha aposta clara por un turismo desestacionalizado ao tempo que se protexen os bens patrimoniais. Por este motivo, estase a traballar na recuperación e rehabilitación do Castelo de Monterrei (Concello de Monterrei) mediante unha restauración estrutural e paisaxística.
O proxecto en marcha en devandito enclave constitúe unha das obras de restauración máis ambiciosas emprendidas pola Xunta nestes momentos, cun orzamento de máis de 14 millóns de euros e a intervención nunha superficie de máis de 20.000m2. As obras marchan a bo ritmo, o que permite cumprir os prazos de execución, polo que está previsto que estén rematadas, segundo as estimacións previstas, en 2026.

Intervencións
As intervencións inclúen a recuperación dos edificios do Cuartel de infantería, o antigo Concello e o Colexio de San Xoán, ademais da Torre de San Francisco e Corpos de Garda e o centro de visitantes, e tamén nos accesos da Porta Sur e Norte e Ronda Oeste e nos terreos da Praza do Mercado Comprado e na de Armas para mellorar a capacidade de aloxamento.
Tamén se están levando a cabo actuacións adicionais para reforzar o saneamento, abastecemento, capacidade eléctrica e telecomunicacións da contorna.
Os miradoiros, sendeiros e o incremento da capacidade aloxativa fai que as obras do Castelo de Monterrei e a súa contorna teñan como obxectivo o goce por parte de toda a cidadanía.
En deifinitiva, esta actuación forma parte do proxecto sustentable de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico. Concretamente, no espazo que vai da porta sur onde se atopa o antigo Hospital de Peregrinos, ata a torre da homenaxe, o edificio do cuartel xeral, preténdese dotar ao complexo de aloxamento, actividades recreativas e espazos interpretativos.

Atractivo de Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o Castelo de Monterrei, obxecto de obras de recuperación e rehabilitación, para comprobar o desenvolvemento das distintas actuacións. Rueda subliñou o papel central do enclave como “polo de tracción turístico e cultural”.
Neste senso, o xefe do Executivo autonómico manifestou a importancia de reforzar a oferta turística galega cara unha maior desestacionalización, apoiándose en propostas que “reforcen a identidade galega, contribúan a dinamizar a economía local e o noso rural e fortalezan o atractivo da nosa terra”, destacou.
Rueda apuntou ao proxecto de Monterrei como “exemplo de equilibrio entre tradición e desenvolvemento” e salientou o compromiso da Xunta por protexer os bens patrimoniais como “aposta estratéxica de presente e de futuro”.

Plan Xacobeo Next Generation
A rehabilitación do Castelo de Monterrei enmárcase dentro do Plan Nacional turístico Xacobeo Next Generation, no que a Xunta emprega fondos europeos para realizar actuacións vencelladas co Camiño de Santiago e a súa posta en valor para usos turísticos. Neste plan, a Xunta xestiona 22,7 millóns de euros para rehabilitar 12 Bens de Interese Turístico (BICs) de titularidade pública. Concretamente, a Fortaleza de Monterrei, na que se levará a cabo unha restauración estrutural e paisaxística do BIC supón o 35% dos fondos europeos captados.
O Plan abrangue actuacións, entre outros, na Illa de Ons, no cárcere vello de Tui, no Castelo de Santa Cruz de A Guarda, na Casa Museo de Valle-Inclán en Vilanova de Arousa, no cemiterio vello de Mondoñedo ou no Parque do Pasatempo de Betanzos.
O obxecto das actuacións é rehabilitar os espazos públicos, avanzar na mellora da eficiencia enerxética, modernizar os sistemas de xestión de residuos, impulsar a dixitalización ou reforzar a accesibilidade cara un desenvolvemento turístico sostible.
Estas actuación englóbanse no conxunto de iniciativas que Turismo de Galicia está a executar para a posta en valor dos BICs de Galicia que inciden, ademais, na aposta pola sostibilidade, a posta en valor do patrimonio natural e cultural, a calidade, a diversificación, e a desestacionalización do destino.